ABERTA ATÉ O 5 DE XUÑO

Abre o Ano Castelao cunha expo sobre os primeiros anos do artista

A mostra 'Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)', organizada pola Deputación de Pontevedra, será inaugurada o vindeiro 1 de abril no Museo da cidade do Lérez, coincidindo co Día das Artes Galegas, que este ano se lle dedica ao artista de Rianxo. 

Castelao-Montaxe
photo_camera O deputado de Cultura, Xosé Leal, e o director do Museo de Pontevedra e comisario da mostra, Carlos Valle, diante da montaxe

"O que imos ver nesta exposición non son só os fundamentos de Castelao como artista, senón tamén os fundamentos que van marcar toda a súa traxectoria vital como artista e como político, porque grazas ao este Castelao artista teremos despois ao Castelao político" sinalou Xosé Leal durante a presentación da que será a primeira das grandes exposicións que conmemorarán o Ano Castelao 2016.

Esta primeira exposición será inaugurada o día 1 de abril, coincidindo co Día das Artes Galegas, e amosará os inicios da traxectoria do autor rianxeiro tomando como referencia o ano 1905 por ser o ano no que se data a súa primeira obra, e o 1920 xusto antes da exposición do Álbum Nós. 

'Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)' é unha exposición composta por 96 obras distribuídas nas tres salas de exposicións temporais do Sexto Edifico do Museo de Pontevedra e que permanecerá aberta ao público entre o 1 de abril e o 5 de xuño. Ademais de amosar obras inéditas tamén conta co aliciente de ser a primeira vez que se poderán ver reunidas todas as obras de gran formato de Castelao conservadas en Galiza. 

Poderemos ver todas as obras de gran formato de Castelao conservadas en Galiza e varias obras inéditas

Segundo explicou o deputado de Cultura e Lingua, a través do percorrido pola obra deste primeiro período de Castelao xa se pode aprezar unha busca dos trazos identitarios da cultura galega que cimentarían a súa visión tanto da arte como súa posición ideolóxica. Neste sentido, Xosé Leal mencionou que "na súa obra xa podemos ver como aborda os temas da Galiza do momento, as súas xentes, os costumes como as festas e as procesións, e a paisaxe, sobre todo da Estrada e da súa contorna". Sinalou como punto de inflexión "a súa incorporación ás Irmandades da Fala, datado entre finais de 1916 e comezos de 1917, momento a partir do cal incorpora todo o coñecemento que foi adquirindo na súa primeira etapa artística, sobre todo a través da observación, e que desde entón xa foi desenvolvendo e incorporando á súa faceta política". Desa evolución dá conta a elaboración do Álbum Nós, que foi realizado entre os anos 1916 e 1918, no que xa agroma a súa posición ideolóxica, e que vería a luz por primeira vez na exposición da Coruña no 1920. 

O director do Museo e comisario da mostra, Carlos Valle, destacou que "ademais das 96 obras inclúe toda unha serie de materiais de tipo documental que serven para arroupar as propostas que se formulan nesta exposición". Sinalou, ademais, que moitas destas pezas documentais foron obxecto dunha delicada labor de recuperación e restauración por parte do equipo de restauración do propio Museo para poder ser expostas. 

Carlos Valle deu conta dos períodos nos que se divide a mostra, deténdose especialmente no ano de partida, o 1905 "por ser a data na que aparece a primeira obra asinada por Castelao, que naquel momento aínda asinaba como Daniel Rodríguez C., porque como saberedes non é ata o 1908 cando codifica o seu nome de 'guerra' como Castelao".  Sinalou que foi en 1917 cando Castelao pinta o seu último cadro de gran formato -'A tentación de Colombina'- e que no último período que se aborda na mostra está presente a elaboración do Álbúm Nós, onde xa se pode ver explicitamente o posicionamento ideolóxico do autor. "Para esta parte da exposición contamos con bosquexos e obras preparatorias do que finalmente será o Álbum Nós e que se poderán ver para apreciar o contraste cos debuxos definitivos" engadiu o director do Museo. 

Carlos Valle tamén indicou que o 80% da obra exposta xa se atopaba no Museo e que o 20% restante foi cedida para esta mostra por parte de particulares e institucións públicas. Das obras de gran formato, catro delas proceden de Afundación, unha da Fundación Rodríguez Iglesias, dúas de coleccións privadas, e os tres óleos do tríptico realizado para o Balneario de Mondariz e que son propiedade da Real Academia Galega xa estaban en depósito no Museo desde o ano 2011.

Día das Artes Galegas

A apertura da exposición coincide coa celebración do Día das Artes Galegas, iniciativa auspiciada pola Real Academia Galega de Belas Artes, e que precisamente este ano lle dedican a Castelao. Previa á inauguración da mostra, a partir das 19 horas terá lugar no Salón de Actos do Sexto Edifico o acto académico para celebrar esta efeméride. Participarán o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Tamén intervirá a catedrática da Historia da Arte Contemporánea, Mª Victoria Carballo-Calero cun relatorio titulado 'Xénese e configurazón do Álbum Nós'. 

Comentarios