A Deputación de Pontevedra presenta a programación do Ano Castelao

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou onte terza feira as actividades culturais do 'Ano Castelao' que se realizarán en todos os concellos da provincia. Un programa de exposicións, concertos e obradoiros accesibles a todo o mundo. 

CASTELAO-SIGNO
photo_camera Presentación da programación na Deputación, facendo o signo que corresponde a Castelao

O deputado provincial puxo o acento no feito de que este ano, ademais de chegar á totalidade dos concellos, tamén se apostou por incluír as novas tecnoloxías e pola integración e a accesibilidade das persoas con dificultades auditivas. No eido da accesibilidade, dúas das exposicións programadas contemplarán o uso de audioguías e signoguías, para cuxa realización se contou coa colaboración da Organización de Xordos de Galicia, XOGA. "Consideramos un fito que a partires de agora haxa un signo establecido en lingua de signos para designar a Castelao, e que o seu uso sexa aceptado e normalizado e que cada vez máis persoas poidan acceder aos nosos contidos" sinalou Xosé Leal. 

"Presentamos unha variedade de actividades moi completa, que como se di toca moitos paus, para atender ás disciplinas artísticas que cultivou Castelao e para dar cabida aos 62 concellos" afirmou Xosé Leal. A primeira das actuacións desta programación será no Concello de Moaña, o día 26 de marzo, onde se celebrará un concerto infantil a cargo de Migallas. A primeira das exposicións inaugurarase o día 31 de marzo no Porriño e leva por título 'De Castelao ao mañá. Unha ollada ao cómic galego'.

Nos contacontos as actuacións enlazarán contos tradicionais europeos con contos extraídos do 'Cousas' de Castelao. O obxectivo da Deputación é que estas adaptacións sexan un primeiro achegamento dos cativos e cativas a Castelao.  Poden consultar toda a programación aquí.
 

Comentarios