Un verán en Galeusca

"A vida do escritor", por Harkaitz Cano

Harkaitz Cano (Lasarte-Oria [Donostia], 1975), publicou o libro de poemas Kea behelainopean bezala en 1994 e, posteriormente, as novelas Beluna Jazz, Pasaia Blues, Belarraren ahoa e Twist; os contos Neguko zirkua e Beti oporretan, e o libro de poemas Norbait dabil sute-eskaileran. É tamén autor de ensaios, columnas de opinión, guións, libros ilustrados e cómics. Fakirraren ahotsa (2018), a súa última novela, está baseada na vida do cantante Imanol Larzabal.Publicamos o relato "A vida do escritor", no marco da sección "Un verán en Galeusca", partillada por Sermos Galiza, Berria e Vilaweb.

Harkaitz Cano
photo_camera Harkaitz Cano

O xeito en que se constrúe o novo canon literario, sobre isto tería que falar eu nos cursos de verán de Santander. Pero o comezo do ano tampouco foi calquera cousa: na feira do libro de Miami -coma fan coa familia cercana nos enterros- fixéronnos sentar na primeira fila a todos os escritores "hispanos". A poeta venezolana Leandra Vallejo recoñeceu que se deitara con todos os que tiña diante naquela primeira ringleira. Os convidados mirámonos os uns aos outros, totalmente abraiados. Leandra Vallejo quedou en silencio, alongando o suspense. "Quería dicir que teño na mesa de noite os libros de todos eles". A lectura demorouse e acabou despois de tres suicidios, dous nenos roubados e unhas chuvias universais. Como a bañeira do meu cuarto era meirande que a piscina do hotel, bañeime na piscina, para manter a salvo a conciencia de esquerdas.

                        En Göteborg recibíronnos de xeito moi elegante, con champaña e todo: despois de pasar a noite explicando que Pays Basque e Pays-Bas non son a mesma cousa unha intoxicación de ostras case me envía á tumba. Por desgraza, non morrín en Suecia. En Bulgaria, faláronme dunha librería que estaba aberta as 24 horas do día, en Sofía. Estaba dentro dunha construción semellante a un centro comercial enorme, había máis xente ao amparo da calefacción da que estaba atendendo á presentación do libro. "Terías que vir en Noitevella". Efectivamente, así farei o ano que vén. En San Francisco, no barrio da Mission, estivemos nun acto en honor a Roque Dalton. A franquía Pollo Campero patrocinaba o evento. Malia que ninguén alí lera na súa vida un libro de Roque Dalton o acto alongouse durante case catro horas. De cando en vez o presentador collía o micro e animaba ao público: "Coman polo donas e cabaleiros, sen polos non hai poesía! Pollo Campero, o orgullo de El Salvador!". As esposas dos poetas limpaban os recipientes no backstage e o público era incapaz de dar conta dos pratos. Os nenos bailaban. Parecían ben alimentados.

Lembro dúas cousas da miña estadía en Xeorxia: que a cinta de equipaxe do aeroporto estaba numerada como as ruletas dun casino, cos cadros vermellos e negros, e que fixemos unha lectura nun dos lugares onde adoitaba hospedarse Vladimir Maiakovski, un lugar marabilloso até que alguén empregou a expresión 'un apeadeiro de suicidas'. Contáronnos que adoitaban importar coches de segunda man cortados pola metade, como ferralla, para non pagar impostos, e que despois, nunha factoría dos arrabaldes de Tbilisi, volvían compoñer os automóbiles para revendelos. Pasei a estadía no país buscándolles as costuras aos coches. Na República Checa aprendín que lles chaman 'cabeza de gato' ás pedras da calzada. En Polonia ninguén veu ao noso recital pero bebemos vodka e escoitamos un bo concerto de jazz. En Varsovia ensináronnos que a palabra zakątek siginifica esquina, foi nun bar que levaba ese nome e que estaba situado no recuncho dunha rúa. Bebemos máis vodka para celebrar que aprendéramos algo e para dixerir a manifestación de extrema dereita coa que nos cruzamos por sorpresa. "Para vingarse dos pais comunistas, os fillos de vinte anos casan pola igrexa".

En México puxéronnos un chófer, un que nos levou a un combate de lucha libre. O feito de que o contrario lle quite a máscara no ring é a meirande das humillacións para un loitador, como castigo córtanlle as guedellas á vista do público. A muller coqueta que levaba un colar de perlas, ao noso carón, empezou a insultar aos loitadores: encúlele, pendejo! A muller traía o fillo duns seis anos ben formal e elegante, peiteado coa raia a un lado, estaba afeito aos berros da súa nai. As entradas dicían, na parte posterior: "Está prohibido para os menores de sete anos...". E en letra máis pequena, a continuación: "...sentar nas primeiras catro ringleiras." Os atoamentos son longos en DF para desprazarse a calquera lugar e o chofer recomendounos baixar do coche e ir ao cinema. "Vós tranquilos, recóllovos no seguinte semáforo". En Buenos Aires, os estudantes cos petos das gabardinas cheos de libros fixéronnos saber que para bailar axeitadamente un tango son necesarias máis horas de dedicación que as precisas para pilotar un Boeing 767. O guía que nos tocou en Santiago de Chile era pinochetista: "non sei o que vos dirían os da delegación pero a verdade é esta..."

En Portugalete confundíronme con Kirmen Uribe e en Barcelona con Unai Elorriaga. En Milán fixéronme reparar en que me parecía a Woody Allen, "cando era novo, claro". Claro. En Madrid un vendedor hipster aseguroume que a miña anterior colección de contos era unha novela ben fermosa.

Na India fixen unha longa viaxe en tren, de noite. Como non había xeito de ver o nome das estacións, cada vez que o tren se detiña, eu berraba o meu destino para que algún pasaxeiro asentise ou negase coa cabeza. Os hindús non saben dicir que non ou que si coa cabeza, pola contra, expresan sempre dúbida. De xeito milagroso puiden baixar na estación que me tocaba.

En todas as cidades polas que pasei recitei o mesmo poema, o do tigre. A audiencia sempre ría no mesmo lugar do poema. Era temible. E moi fermoso. O que non se consola é porque nunca escribiu un poema sobre un tigre.

Os cursos de verán de Santander, en comparación con estoutras situacións do pasado, ben poderían ser case unhas vacacións, relaxantes coma un balneario. A única pexa era que debería compartir cuarto para durmir. Correspondeume como compañeiro de cuarto un poeta galego agradable e falangueiro que tiña que presentar a nosa mesa redonda ao día seguinte. O primeiro día das xornadas os participantes quedaron para tomar algo ao rematar a cea, pero como eu estaba canso retireime cedo ao hotel. Eran cerca das catro da mañá cando alguén me espertou, mexendo con suavidade o meu ombreiro.

"Oes? Déixasme o cuarto? Teño unha rapaza que agarda no corredor!"

Era o poeta galego que coñecera na véspera, como non. Púxenme algo de roupa e saín axiña da peza, medio durmido, medio somnámbulo. Se estivese realmente esperto diríalles, "Bo proveito!"

Era o mes de xullo e a madrugada era temperada. Entretívenme un intre mirando o mar na praia, até que abrisen as cafetarías. Lin os xornais mentres almorzaba, para matar o sono. Aquel día non había catástrofes excitantes. Fun á mesa redonda directamente, sen pasar polo hotel.

Daquela o poeta galego ao meu carón xa estaba duchado e perfumado. Presentoume como o escritor que viña cambiar o canon occidental, o faro da nosa xeración. Mencionou a Virxinia Woolf: Un cuarto de seu. Dixo mal todos os títulos dos meus libros. Dous xornalistas, moi concentrados, semellaban tomar apuntamentos e rezar para que non se acabasen as baterías das gravadoras que deixaran sobre a mesa.

Cando menos tiñamos bonos de comida. Sacáronnos polo. É cousa sabida: sen polo non hai poesía.

Comentarios