CULTURA

'6 Coreógrafas' achegan a súa danza até os espazos escénicos da Estrada

'6 Coreógrafas' achegan a súa danza até os espazos escénicos da Estrada

Unha iniciativa que se desenvolve entre 2020 e 2021, promovida pola bailarina e coreógrafa Paula Quintas e o Concello da Estrada co apoio de Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais).
129657500_4786768411394268_3109223014961051724_n
photo_camera A bailarina Andrea Quintana. (Foto: Ángel Sousa)

Esta fin de semana decorre no Concello da Estrada o programa de danza "6 Coreógrafas", unha iniciativa promovida pola bailarina Paula Quintas na procura da "reactivación de espectáculos".

Un programa que se iniciou en 2020 e que vive agora a súa segunda parte, entre o 23 e o 25 de abril, "cunha mostra de seis espectáculos de creadoras galegas en formato de solos, tanto de rúa como escénicos".

A danza daba os seus primeiros pasos na alameda da localidade ás 19.30 horas do serán de onte co espectáculo Miñaxoia,  de Clara Ferrao. Unha hora máis tarde, ás 20.30, tamén se iniciaba a danza no Teatro Principal da Estrada con Bailar agora, de Marta Alonso e creado en coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG).

O sábado é a quenda de Begoña Cuquejo e Paula Quintas. A primeira levará até a Alameda, ás 19.30 horas, o seu espectáculo [email protected], un proxecto que pretende vencellar a creación e a memoria histórica e no que se combina a danza presencial coa realidade aumentada. 

A organizadora de "6 Coreógrafas", Paula Quintas, representa no Teatro Principal o seu solo de danza Plastic. "Igual que o plástico pode ser un espazo para gardar, tamén o corpo recolle no seu interior experiencias e emocións".

O feche do programa quedará nos bailes de Alejandra Balboa e Andrea Quintana, que amosarán os seus espectáculos o domingo 25 de abril na Alameda, ás 19.30 horas, e no Teatro Principal ás 20.30, respectivamente. Vertebrata é a peza que representa Balboa, "unha viaxe emocional na que corpo é movido polo ruído que o habita". 

Andrea Quintana achégase con O raro é que bailar sexa raro, do Colectivo Vacaburra. Un espectáculo de reivindicación de que a danza desestabiliza as lóxicas da palabra e ameaza a linguaxe normativa".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios