A canteira das músicas do mañá
Fálase moito da xeración de cristal, da falta de ética de traballo na xente nova, da ausencia da capacidade de sacrificio e persistencia… Mais a realidade é ben distinta. En cada recuncho da Galiza hai unha habitación, garaxe, salón ou sala de ensaio desde a que a música nace despois de horas de práctica e movida pola canteira dos artistas do mañá.
Lara Villaverde e Migui Bouzó son dous deses exemplos das novas voces da música e proba viva de que sempre é bo momento para comezar. Tanto, que Lara tiña só oito anos cando atopou, como ela mesma explica, "unha guitarra agochada no faiado da casa". Sería entón a súa nai a que lle ensinaría a tocar eses primeiros acordes, antes de que comezase a súa traxectoria no conservatorio. A historia de Migui, pola súa parte, dá inicio con música soando na casa e "un ambiente moi positivo cara ás artes". Aos 13 anos armaríase, tamén, cunha guitarra coa que aprender a tocar de maneira autodidacta.
Se se fala xa de profesionalización, a situación comeza a complicarse. Porén, o artista entende que "malia que non sempre é así, semella que cando pensas nun proceso de produción estás a encamiñarte cara a esa profesionalización". Así, no seu caso, coñecer Martín Rodríguez (Planeta Marte), a persoa encargada da produción do seu primeiro disco; Cine i amor, resultou fundamental para o seu crecemento como artista e a consolidación do seu proxecto musical.
No caso de Lara, a corentena do ano 2020 achegoulle o tempo e a perspectiva para pór o seu proxecto en marcha, empregando as redes sociais para subir as súas versións e creando pequenos grupos coas amizades. No comezo, como ela relata, "non tiña moita idea de gravar ou editar". Por iso, a axuda doutras persoas foi vital neses primeiros pasos. Agora, despois de catro anos enriba dos escenarios, lembra eses inicios e entre risos rememora "o primeiro día tocando diante da xente", como ela di, "toda tesa". Pois, como en todo, a experiencia e a práctica son cruciais e, como sinala Lara, "os medos quítanse enfrontándose a eles".
Esas mans amigas reflíctense tamén na colaboración con diferentes artistas, o que resulta outro dos factores fundamentais no desenvolvemento dunha carreira musical. Xa non só para alcanzar novos públicos, senón polo que estas colaboracións e sinerxías achegan. Neste sentido, Lara remarca que sempre que nos directos se atopa con algún artista emerxente non dubida en subilo ao escenario, pois "é outra forma de facer ver a cantidade de artistas e a rica cultura que temos na nosa terra". Migui coincide e engade que a colaboración con outras persoas "pode axudar a aportar cousas que ti non es capaz de ver ou non esperas". Por iso, se se fala de consellos o artista remarca a "importancia de ver outros proxectos e ideas como algo positivo, coñecer moita xente, desfrutar da música e tratar de comunicarse".
Para impulsar a actividade destas novas voces, existen ducias de iniciativas, proxectos, concursos e festivais que axudan as artistas a atopar e dar a coñecer a súa propia voz. Migui entende que estes certames poden dar lugar a conseguir bolos. Un exemplo disto é o concurso Sonidos Mans, o concurso de bandas que dá opción a tocar en festivais como o Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), o Festival da Luz (Boimorto) ou o Son Rías Baixas (Bueu).
Outro exemplo sería o concurso Novos Valores, impulsado polo Festigal, que permite a unha banda emerxente en galego actuar na noite do 24 de xullo na cidade de Compostela. Estas iniciativas consolidaron grupos como De Ninghures, mais non é a única opción de conseguir actuacións en directo. Para isto, Migui recomenda frecuentar locais de música e "preguntar". En todo caso, "tocar en directo é a vía de comunicación co público máis directa e máis linda que hai".
Cabos Soltos e o Local de Música en Pontevedra
Dentro dos eventos para impulsar proxectos musicais, Lara destaca o Mumi (músicas no Minho) e o BateaSon, aínda que salienta tamén a importancia das redes sociais para a difusión das artistas, "cruciais para crecer e ser visíbel". A visibilidade é, precisamente, unha das bases do Cabos Soltos, un programa do Concello de Pontevedra que recolle un repositorio de artistas e locais da cidade para promover a cultura emerxente pondo en contacto estes dous sectores, o das artes e o da hostalaría. Así mesmo, se se fala de Pontevedra non se debe obviar a importancia do Local de Música, un espazo de balde no que as persoas entre 16 e 35 anos poden reunirse, gravar, ensaiar... Con todo, ao final só quedan as ganas de compartir a música e, como recomenda Lara, "aprender dos erros e non tirar nunca a toalla".
A música como refuxio
Migui ten 20 anos e en 2023 publicou o seu primeiro disco, Cine i amor, aínda que, como el explica, o proceso de produción "comezou hai tres ou catro anos e foi moi divertido e bastante lento". Un disco que mestura as baladas de amor cos sons máis punquis e que desde o título deixa intuír a súa paixón polo audiovisual. Unha interdisciplinariedade tamén presente no proxecto.
Por iso, el prefire definirse como "artista" e asegura que "aprender música axúdache a comprender máis sobre danza, escritura…". El entende que as cousas que o emocionan van máis alá do musical. De feito, a procura "dunha forma de expresión e un refuxio" foi o que o levou a comezar na música e por iso quizais aconsella a autenticidade e o traballo colectivo para "compartir e construír".
A maxia do directo
Lara ten 22 anos e é vocalista no grupo de versións Terapia de Grupo, no grupo de rock Sun Lou e está rematando o Grao de Educación Primaria con especialización en Música. Malia que conta con algunha composición propia, aínda non se atreve a sacalas á luz. A pesar disto, ela non dubida: "por moito que practiques, hai que abrirse e mostrarte para que a xente te vexa".
Ao falar de colaboracións, Lara destaca o tema "Un guerrilleiro", con Fran Gómez, unha versión dun poema de Florencio Delgado co que os artistas conmemoraron as Letras Galegas de 2022. Despois de catro anos en escenarios de festivais, bares e eventos, Lara entende que o público é o que move todo. Así, aconsella aproveitar os directos para "conectar co público", non compararse e "buscar un estilo propio".


