Novas axudas a deportistas da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de abrir o prazo de solicitudes das bolsas para deportistas de alto nivel da provincia durante o ano 2024. Así, as persoas interesadas en solicitar estas axudas poderán facelo até as 14 horas do día 15 de marzo de 2024 a través da plataforma SUBTEL da Deputación. "O obxectivo das bolsas é apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico, como para posibilitar a participación dos e das deportistas en eventos de alto nivel", explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira, quen lembrou que a convocatoria deste ano prevé a concesión de 50 bolsas individuais de 3.500 euros cada unha, ascendendo o orzamento total do programa a 175.000 euros. "Pasamos de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros nos últimos anos", engadiu, apostilando que ese dato "evidencia o compromiso da Deputación cos nosos e as nosas deportistas e a nosa aposta para axudarlles a situar o deporte coruñés á vangarda". Deste modo, en 2024 poderán optar a estas achegas de 3.500 euros deportistas federadas e residentes no territorio da provincia da Coruña que practiquen algún deporte incluído no programa oficial dos inminentes Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, sempre que este sexa unha modalidade individual.
 
O deputado de Deportes, Antonio Leira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado de Deportes, Antonio Leira. (Foto: Nós Diario)
Comentarios