Interveñen no Grove un camión portugués con 1.674 quilos de ameixa xapónica sen documentación

A Garda Civil do Grove (O Salnés) interveu na PO-316 un camión portugués con 1.674 quilogramos de ameixa xapónica sen documentación. Segundo informaron, os feitos sucederon o pasado domingo cando comprobaron que a carga dun camión isotermo era unha gran cantidade de sacos deste bivalvo. Ao requirirlle ao condutor a documentación para o transporte manifestou que carecía dela, que a trae desde Portugal e o destino era unha depuradora do Salnés. A patrulla púxose en contacto coa confraría de pescadores do Grove e procederon a trasladar o camión á lonxa para a pesada dos sacos. Así, tratábase de 93 sacos de ameixa xapónica, algunha delas non regulamentaria por non dar a talla, cun peso total de 1.674 quilogramos.
Ameixa intervida (Foto: Garda Civil).
photo_camera Ameixa intervida (Foto: Garda Civil).
Comentarios