Incautadas en Laxe máis de sete toneladas de sardiñas capturadas en zona prohibida á pesca

A Garda Civil incautouse no porto de Laxe (Bergantiños) dun total de 7.010 quilos de sardiñas que foron pescadas nunha zona prohibida e que, ademais, superaban a contía máxima diaria que se pode capturar. Segundo informa o Instituto Armado, os feitos ocorreron cando efectivos do Servizo Marítimo Provincial da Coruña observaron como introducían a bordo dunha embarcación as capturas procedentes dunha rede no Anexo II da ría de Corme, onde non está permitida a actividade pesqueira. Esta embarcación permaneceu na zona e achegóuselle outro pesqueiro, que se arrimou para que a tripulación puidese traspasar dun a outro máis capturas da rede. Tras isto, ambos abandonaron o lugar. Cando atracaron no porto de Laxe, procederon a descargar a mercadoría: 3.636 quilos de sardiña nun e 3.374 quilos noutro. A Garda Civil procedeu á incautación de todas as sardiñas, que se entregaron ao Banco de Alimentos Rías Altas.
Sardiñas incautadas en Laxe.
photo_camera Sardiñas incautadas en Laxe.
Comentarios