Guindan un ‘cóctel molotov’ á embarcación do presidente dos mariscadores de Aguiño

A embarcación do presidente da agrupación de mariscadores da Confraría de Aguiño, na ría de Arousa, amenceu esta terza feira afectada polo lume, que calcinou a lona de protección e algúns elementos do barco, presumibelmente, após o lanzamento dun artefacto incendiario. O presidente dos mariscadores decatouse do sucedido á primeira hora, cando acudiu a recoller aparellos na embarcación, que estaba sobre un remolque, e comprobou que o lume derretera a lona de protección da mesma, así como afectado o chan e a outros elementos da lancha. De inmediato, puxo os feitos en coñecemento da Policía, que se desprazou até a zona con varios efectivos para recoller probas, entre elas un elemento similar a un cóctel molotov que puido ser lanzado á embarcación. Está en marcha unha investigación.

aguiño
photo_camera Aguiño (Foto: Lmbuga)
Comentarios