María Canosa: "Luísa non é unha escritora máis, é diferente, e a min interesábame salientar o que a diferenciaba"
—Como xorde a oportunidade de escribir este libro?
O certo é que me chamou Fran Alonso desde Edicións Xerais e propúxome o reto de escribir unha biografía para a rapazada sobre Luísa Villalta. Eu tomeino como un agasallo e agradecín moitísimo que contasen comigo para isto, mais tamén era unha responsabilidade moi grande porque non coñecín persoalmente a Luísa nin era próxima ao seu círculo. Porén, era unha persoa que me gustaba tanto... Xa non só como escritora, senón como persoa. Tiña medo de non facelo o suficientemente ben, como ela merecía. Mais creo que sempre pesa máis a responsabilidade. Eu teño que darlle moito á literatura porque a literatura deume moito a min.
—Por que é importante achegar a figura de Luísa Villalta á rapazada?
É algo que busco de maneira pensada, meditada e provocada. Eu escribo moita literatura infantil e xuvenil porque me gusta consumila e producila, mais tamén porque creo que é importante que haxa moitos libros diferentes e voces distintas para a rapazada. Eu fun moi feliz a través dos libros que lin cando era cativa e non quero que se perda iso, quero que os libros sigan tendo esa mesma función; que sexan unha casa, un refuxio dos máis pequenos. Sempre que escribo para este público síntome con moita responsabilidade porque son moi críticos. Agora mesmo, ademais, teñen moitísimas cousas ao alcance e distintos medios para chegar á información, entón hai que facelo tamén dunha maneira atraente e iso estaba sempre detrás, como unha formiguiña.
—O libro explica o nacemento de Papagaio e inclúe versos e poemas de Villalta. Como foi esta redescuberta?
Eu creo que a entendín moitísimo mellor polas miñas propias experiencias, mais non é que descubrise unha Luísa nova, senón que a lin con máis intensidade. Realmente vinme reflectida como muller e como persoa en moitos dos seus traballos, aínda que o que máis me gustou nesta redescuberta foi falar cos seus ex alumnos e descubrir unha profesora moderna, que non quería adoutrinar e que só quería abrir portas. Impactoume moitísimo a claridade coa que moitos deles a lembran da mesma forma, tamén co concepto de educación integral, que era algo polo que loitaba. Non lle gustaba que a educación fose por materias ou sectores que non tiñan nada que ver.
—Os elementos musicais serven como fío condutor do libro. Como chegas a esta idea?
Eu non quería unha biografía que fose unha narración de feitos cronolóxicos, quería salientar a súa figura dunha forma global porque me parecía que ela non só era escritora, senón que era unha persoa tan comprometida e cun sentido colectivo tan forte que non podía deixar atrás iso. A música foi un fío condutor e unha columna vertebral ao longo da súa obra, ben polo tema, ben pola propia musicalidade dos seus textos. Creo que a rapazada necesita que lle contemos por que cada un dos escritores somos diferentes, para que non nos metan a todos no mesmo caixón. E Luísa non é unha escritora máis, é diferente, e a min interesábame salientar o que a diferenciaba, unha voz completamente recoñecíbel.
—Nos agradecementos falas de todas as persoas que te axudaron a dar coa melodía de Luisa Villalta. Se tiveses que definila, que dirías?
Se tivese que facer un símil cunha melodía, sería unha sen grandes cambios de movemento, cun ritmo constante. Mais, ao mesmo tempo, sería moi suave, desas que te revolven por dentro. Eu creo que ela era así, co seu sorriso, co bo carácter... Era unha persoa moi alegre á que lle gustaba moito rir, mais que tiña un discurso moi afianzado e con moito peso. Unha melodía que queda dentro unha vez que remata.
—Dis no libro que Luísa cría que a cultura debía ser crítica, comprometida e respectuosa. Como de necesario é afondar nas persoas para entender a súa escrita?
Eu creo que no caso dela foi moi claro. Moitas veces non sei se as escritoras e os escritores nos espimos ou nos agochamos detrás da nosa escrita. Penso que, ás veces, poñemos unha coiraza que nos protexe cando escribimos e creo que Luísa Villalta foi totalmente clara, unha persoa moi valente.
Cando Luísa escribiu Papagaio, ensinoulle os textos a Francisco Fernández Naval, a parella de Maribel Longueira, fotógrafa do libro, e el díxolle que lle parecía moi valente, ao que Luísa contestou algo así como "non quero ser valente, quero que estean ben escritos". Ela sempre estaba en primeira liña de batalla, sempre foi moi clara e incluso na súa poesía era capaz de criticar o que non lle gustaba.
Literatura para festexar as letras
A obra de Luísa Villalta enriqueceu as letras da Galiza. Ensaio, poesía ou teatro... a través dos textos, mantense viva a memoria dunha escritora, mais tamén dunha docente comprometida, dunha activista incansábel e dunha amante da música. Agora, as obras doutros autores e autoras buscan achegar un espello que transcenda o recordo de Villalta a través das súas palabras para coñecela mellor e para recoñecerse nela. Ese é o caso do libro de María Canosa Luísa Villalta. Melodía de Palabras, mais tamén o doutras persoas que poñen Villalta no centro a partir de escritos destinados a público infantil e xuvenil.
Outro exemplo sería a biografía ilustrada Alma de Violino (Xerais), de Beatriz Maceda e Eli Ríos con imaxes de Laura Suárez no que unha peza do violino serve como anfitrioa para adentarse na figura de Villalta. Outra opción, tamén ilustrada, é Sempre Infinita (Edicións do Cumio), de Eva Mejuto e Bea Gregores. Unha obra que percorre a poesía de Luísa a través de explicacións visuais e literarias. E, como non, Somos un pobo de artistas: o método Luísa Villalta (Xerais), de Xurxo Souto, indispensábel para o profesorado.

