Gabi García: "O humor desempeña un papel fundamental no proceso de normalización do galego"

Gabriel García Calvo (@gabiiig8) ten máis de 85.000 seguidoras e seguidores na súa conta de Instagram e máis de 75.000 en TikTok. Este mestre de Infantil conquista diariamente milleiros de persoas cos seus vídeos.

O creador de contido Gabi García. (Foto: Xeración Alfa)
O creador de contido Gabi García. (Foto: Xeración Alfa)

—Estudaches Educación Infantil. Que te impulsou a gravar vídeos para as redes sociais?
Chegou de rebote, durante a pandemia da Covid-19. Nese momento descubrín que existía unha plataforma bastante intuitiva chamada TikTok que permitía distribuír múltiples contidos. Entón decidín gravar a miña reacción ao vídeo dun creador e, en cuestión de horas, fíxose viral. Este foi o detonante que me impulsou a crear contido para redes. Desde adolescente sempre me gustara gravar, pero nunca o fixera de forma profesional. Vin que o meu contido funcionaba e aproveitei o tirón.

—Na realidade virtual, os comentarios dalgúns individuos poden chegar a resultar moi ofensivos. Como enfrontades as críticas os creadores de contido?
Comecei a gravar contido con 28 anos, pero eu coñecía Internet desde había moito tempo e xa estaba curtido na arte de navegar pola rede. Vexo o mundo dixital como unha ficción, practicamente ninguén che vai dicir á cara comentarios negativos. Cando decidín comezar a subir vídeos era plenamente consciente de que esta actividade implicaba unha exposición moi importante, pois as redes sociais son un escaparate que te abre cara ao mundo exterior. Hai que estar disposto a recibir todo tipo de críticas, boas e malas; é fundamental aprender a vivir con iso. Mais nunca tiven experiencias graves con este tipo de individuos.

—Ás veces, as persoas usuarias non son plenamente conscientes do traballo que hai detrás de cada publicación en Internet. Como é o teu proceso creativo?
Son unha persoa bastante metódica, un home de rutinas. Compaxino o meu traballo como mestre de Infantil en Rois (comarca do Sar). Érgome pola mañá, fago a miña xornada laboral —como todo o mundo—, adestro no ximnasio e cando chego á casa comezo o proceso creativo. Se teño tempo suficiente, gravo as ideas que xa tiña pensadas. Non sempre teño o tempo necesario para realizar calquera tipo de vídeo, algúns requiren apenas cinco minutos pero outros exixen máis dedicación. Algunhas veces cheguei a botar dúas horas gravando e editando unha soa publicación para redes. É un proceso moi diverso.

—A través de Instagram e de TikTok miles de usuarios e usuarias seguen diariamente os teus vídeos de humor. Como consegues chegar a un público tan diverso?
Aínda que semella un clixé, as chaves son constancia e disciplina. Tes que realizar moitos intentos e publicar moitos vídeos antes de comezar a recibir certo recoñecemento entre a comunidade dixital. Para min o máis importante é gozar o proceso. Gústame moito crear contido, o humor é importante no día a día da xente, pero tamén ten un papel fundamental no proceso de normalización do galego, forma parte da nosa cultura. Cada un debe facer o que realmente lle guste, é importante ser honesto cun mesmo. Non creo que haxa unha fórmula máxica.

—Estás presente en moitas redes sociais. Que potencial che ofrece cada plataforma?
TikTok foi a primeira plataforma que creou o formato áxil e dinámico que triunfa actualmente en todas as redes sociais con distintas denominacións [en Instagram chámanse reels e en YouTube, shorts). O potencial de TikTok reside no seu algoritmo, é unha ferramenta moi útil á hora de facer contidos virais en pouco tempo. Penso que a súa chegada marcou un antes e un despois na forma de consumir contido en Internet.

Após configurar unha comunidade sólida en TikTok podes enviar a audiencia cara ao resto de plataformas; de feito, eu apliquei esa estratexia. Ademais de TikTok e Instagram, durante unha época estiven moi activo en Twitch, pero agora xa o teño máis abandonado. É un formato enfocado aos directos e exixe moita dedicación e moito tempo, non podes gravar un contido de cinco minutos e marchar.

—Como valoras a gran diversidade de voces e de contidos que hai hoxe no ecosistema dixital galego?
A min paréceme marabilloso: cantas máis, mellor. Cando comecei en TikTok había poucas persoas que creasen contido en galego, naquela época ninguén podía prever o crecemento que experimentaría o ecosistema dixital galego pouco tempo despois. Nos últimos anos quedou demostrado que o noso idioma non ten límites.

A comunidade creadora é un sector que vive nun proceso de expansión constante. O contido en galego é diverso, mais aínda quedan moitas áreas por explorar. Por exemplo, creo que determinadas áreas que creceron moito nos últimos anos, como o gaming, o fitness ou o mundo do motor, aínda non foron explotadas. Temos moito contido de lifestyle e humor, quizais son os máis recorrentes. Estou moi orgulloso de que existan plataformas que dean voz ás creadoras e creadores de contido. Temos que facer piña, intentar promover proxectos en común e ter iniciativas que permitan promover todo este talento e animar a xente a que cree contido.

Gabi García detrás das cámaras

—Se puideses recuperar algunha produción audiovisual da túa infancia, cal sería?
Se só tivese opción de escoller unha sería Shin-Chan, ou quizais Dragon Ball, porque estas dúas series, retransmitidas en galego, marcaron a miña infancia. Eran dous dos principais divertimentos das miñas tardes.

—Cal é a túa merenda ideal?
Creo que é a merenda favorita de todos mentres fomos pequenos. Moi simple: bocadillo de chourizo con queixo.

—Se puideses ser un personaxe da televisión serías...?
Sería Wolverine, da Patrulla X. Gustoume desde que era un cativo.

—Que fas cando marchas de vacacións?
Gústame moito explorar o mundo e improvisar. A última viaxe que fixen foi a Amsterdam e só planeei un par de detalles. Intento coñecer novas culturas, pero tamén busco descubrir novos lugares aquí, na Galiza, que é un país moi rico a todos os niveis.

—Con quen che gustaría facer unha colaboración?
Gustaríame con María Prado Rúa. Encántame como divulga o galego e a cultura dentro e fóra das fronteiras do país.

Comentarios