Rusia conmemora 79 anos desde a vitoria soviética contra o nazismo alemán

O bloque comunitario celebrou o Día de Europa.
Soldados rusos marcharon onte no desfile do Día da Vitoria. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News / ContactoPhoto)
photo_camera Soldados rusos marcharon onte no desfile do Día da Vitoria. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News / ContactoPhoto)

Máis de 9.000 soldados participaron a quinta feira na Praza Vermella de Moscova no desfile do Día da Vitoria, co que Rusia celebra o triunfo da Unión Soviética sobre a Alemaña gobernada pola extrema dereita na Segunda Guerra Mundial.

O evento comezou coa marcha da Garda de Honra do Rexemento Preobrazhensky coa bandeira rusa e o Estandarte da Vitoria, izado polas tropas soviéticas en maio de 1945 sobre o Reichstag, que acolle o lexislativo teutón.

Canda o presidente ruso, Vladimir Putin, asistiron á conmemoración os líderes de Belarús, Cuba, Guinea Bissau, Kazhakhstán, Kirguizistán, Laos, Taxiquistán, Turcomenistán e Usbequistán.

Así e todo, producíronse desfiles en 28 cidades ao longo do territorio ruso, coa participación de máis de 50.000 soldados.

Na súa intervención, Putin arremeteu contra as “elites occidentais” pola unha política baseada en “instigar sempre novos conflitos rexionais” e “conter centros soberanos e independentes de desenvolvemento mundial”, e integrada polo ánimo de desquite, “a burla da historia e o esforzo por xustificar os actuais seguidores do nazismo”.

Abordando a guerra en Ucraína, sostivo que o país “está a atravesar agora un período difícil e decisivo” no que o “destino da patria, o seu futuro, depende de cada un de nós”.

Día de Europa

A data coincide co Día de Europa instaurado en 1985 pola Unión Europea (UE), en alusión á xornada na que o titular francés de Exteriores en 1950, Robert Schuman, efectuou unha declaración na que propuña crear unha Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, a precursora do actual bloque comunitario.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, insistiu en que “xuntos somos fortes”, e a institución destacou a achega da UE á cidadanía vinculándoa coas eleccións ao Parlamento comunitario que decorrerán entre o 6 e o 9 de xuño.

Comentarios