A cervexa artesá galega recupérase da crise e conta xa con 15 produtoras rexistradas desde o Morrazo á Mariña

O freo que a pandemia da Covid supuxo para o sector da cervexa artesá da Galiza deu paso a un novo auxe tras o que as pequenas produtoras buscan amosar directamente ao público final o seu traballo, que se pode gozar esta semana en Pontevedra.
Escolma de cervexas producidas por membros da Aciga, a terza feira. (Foto: Aciga)
photo_camera Escolma de cervexas producidas por membros da Aciga, a terza feira. (Foto: Aciga)

O Festival Aciga (Asociación de Cervexeiros Independentes Galegos Artesáns), o primeiro grande evento organizado pola entidade nada en 2020, que se estende até o sábado no interior e exterior do Pazo da Cultura de Pontevedra, viviu a terza feira no seu primeiro día unha xornada técnica alimentaria coas exposicións dunha quincena de profesionais do sector. A cuarta feira entregaranse os premios Aciga.

Até 200 persoas participaron de forma presencial e telemática na xornada técnica, organizada conxuntamente coa sede pontevedresa da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), e que deu inicio a un evento que pivota arredor da difusión da cultura cervexeira, “pero da cervexa auténtica, a artesá”, coa fin de “chegar ao público final explicándolle realmente o que facemos”, detalla a Nós Diario Alberte Fernández, presidente da Aciga e fundador da cervexaría Menduiña no ano 2008.

Eclosión da cervexa artesá galega

Na actualidade hai na Galiza 15 iniciativas diferentes para producir cervexa artesá, e Aciga concentra 11 das produtoras, Nasa (Pontevedra), Menduiña (Cangas, O Morrazo), Meiga (Poio, comarca de Pontevedra), Esmorga (Ourense), Nós (Vigo), Aloumiña (Lugo), Bubela (Lugo), Augas Santas (Foz, A Mariña), Madroa (Vigo), Píntega (A Fonsagrada) e Kel's (A Coruña), nun sector que está perto de sumar 1% do mercado xeral de cervexa no país.

Fernández describe como de cinco cervexarías, “das que quedamos dúas”, na primeira década despois do ano 2000, na década seguinte produciuse unha “explosión” após a que chegaron a ser máis de 25, “entre elas nómades, as que non teñen fábrica ou instalación propia pero si unha marca no mercado”, nunha época de “sobreoferta”. Logo deses movementos, e facendo fincapé na crise económica e na pandemia, o presidente da Aciga sinala que “está volvendo subir”, non en número de marcas mais si en presenza no mercado.

Todo isto no marco da necesidade destas empresas de “ter que buscar un mercado alternativo por dicilo así”, posto que “a maioría da hostalaría está atada polos grandes a base de contratos de exclusividade”, o que obriga a apostar por “bares propios” ou tendas e locais hostaleiros que “están máis lonxe desa dinámica”.

Intrusismo

Neste contexto, un dos obxectivos da Aciga é “loitar contra o intrusismo, porque hai moitos grandes ou cervexeiros que non son artesáns” mais venden os seus produtos como se o fosen, polo que defenden que o produto se identifique e se etiquete correctamente. Nese sentido, destaca a creación por parte da Xunta da Galiza do selo de Artesanía Alimentaria, debullando que a cervexa artesá “é un produto totalmente natural, non ten nada de conservantes, aditivos ou extractos”, “non se pasteuriza, non se filtra e os tempos de elaboración son máis extensos e os produtos de maior calidade”, e malia que é “mais caro” o “corpo admíteo mellor, é máis agradábel e máis san”.

Ao tempo, advirte de que a normativa do sector cervexeiro, “pensada para os grandes”, permite non incluír na etiqueta unha serie de engadidos de non superarse certas porcentaxes.

Francisco Fernández, impulsor de Bubela, unha cervexaría de Lugo, apunta a Nós Diario que as grandes cervexarías “están a facer un traballo bastante intenso para confundir”, criticando o concepto BigCraft fomentado por Hijos de Rivera, produtora de Estrella Galicia, que “chega a incumprir a normativa actual de artesanía alimentaria”, asegura.

Tamén cuestiona a política “agresiva” das grandes empresas, que absorben calquera iniciativa con éxito aproveitando a súa maior capacidade económica, o que fai “moi difícil” que as produtoras artesás poidan entrar na hostalaría. Ao respecto, demanda unha “resposta sólida” por parte da Administración.

No seu caso, cunha produción ecolóxica, indica que “aínda falta moito traballo para que a xente saiba diferenciar un produto eco dun convencional”, subliñando que a meirande parte da produción agroecolóxica se exporta. Con todo, destaca que "o coñecemento das cervexas e da cultura cervexeira" entre a poboación vai en aumento.

En paralelo a este evento de Aciga, desenvolverase a Feira de artesanía, vinilos e produtos de segunda man, que rematará o 2 de maio. Nas últimas dúas xornadas, o 3 e 4 de maio, decorrerá o Troneira Fest, un festival de música punk-rock que contará con diversas actuacións. Tanto estas como o resto de actividades do festival, como a degustación de produtos alimentarios galegos, catas, xogos infantís, monólogos ou a exposición benéfica son de balde, e parte da recadación entregarase á Asociación Española de Miocardiopatía Hipertrófica (Aemch) e a colectivos de protección animal. 

A chave do relanzamento está na venda de proximidade

Ao “estar afastado de núcleos con presenza industrial achégase máis á idea tradicional do que é un artesán”, sostén a Nós Diario Juan Pablo Ferreiros, propietario e cervexeiro de Píntega, na Fonsagrada, pormenorizando que “incluso as ferramentas e a maquinaria que utilizo está feita por min mesmo”, salientando a artesanía de ferro na área.

Para el, a chave é apostar pola venda de proximidade, co que “aseguras que a calidade vai ser a que ti requires” e permite ofrecer mellores prezos, e pola especialización, remarcando que os grandes “nunca van facer unha cousa xenuinamente artesá”, como no seu caso, con auga de manancial da zona e trigo do país, algo que “eles non poidan imitar”.

Arredor da evolución do sector, Ferreiros, que dirixirá unha cata a sexta feira de cervexas belgas e propias no Festival, considera que as crises permitiron “apartar os que o seu compromiso non era tan xenuíno, máis unha cuestión empresarial”, e pon en valor a súa aposta por “facer algo que tivese un valor máis alá do económico”.

Este carácter artesán foi resaltado na presentación do Festival por Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, que incidiu en que se trata de algo especialmente importante “nesta época de consumo masificado e comercial”.

Comentarios