Fran Fernández é cofundador de Bubela Artesá

Fran Fernández: "Rexeitamos desde o inicio as grandes superficies porque non nos entusiasma ese modelo"

Bubela é un obradoiro que rexentan Fran e Marta, e que elabora cervexas e pastas artesanais e ecolóxicas. Todos os ingredientes que empregan no seu oficio proveñen da natureza e son de  calidade. Os dous artesáns aseguran que sempre respectan os tempos dos procesos e a esencia da materia prima, co obxectivo de preservar as súas propiedades nutricionais e organolépticas. É posíbel atopalos na súa páxina web, ademais de en moitas tendas ecolóxicas e de proximidade da Galiza.  
Fran e Marta elaboran pasta e cervexas artesanais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fran e Marta elaboran pasta e cervexas artesanais. (Foto: Nós Diario)

-Cando nace Bubela? Por que pasta e cervexa?

Comezamos cunha horta ecolóxica hai moitos anos. Tivemos un pequeno aproveitamento. Despois dun tempo, por circunstancias da vida, decidimos mudar a orientación do que era a idea orixinal, que era plantar sementes de cereal e despois elaborar pasta e cervexa artesanal. Cando comezamos co obradoiro decatámonos de todo o traballo que era. Nós só somos dúas persoas, Marta e mais eu, e aínda non temos capacidade para contratar ninguén, polo que é imposíbel atender un cultivo e ao mesmo tempo fabricar o produto. Finalmente, apostamos polo segundo. Por que escollemos pasta e cervexa? Nós os dous xa nos dedicábamos a facer este tipo de cousas na casa de maneira particular. Como nos parecía un mundo bastante interesante, comezamos a pensar que podía ser un medio para vivir. Así foi como xurdiu Bubela.

-Fan os dous os mesmos traballos no obradoiro?

Adoitamos facer os dous un pouco de todo, aínda que é certo que eu levo máis a parte da cervexa, mentres que Marta se ocupa máis da parte da pasta.

Digamos que ela é a xefa dun obradoiro e eu son o xefe do outro, pero iso non quita que os dous poidamos facer calquera tarefa nun momento dado. Implicámonos en todo ambos os dous.

-Que características posúe o seu método de elaboración de cervexas e de pasta?

Intentamos empregar o cereal máis autóctono e máis próximo posíbel. Non é doado de atopar, porque nós traballamos de maneira ecolóxica, e ten que estar certificado. A base é ter unha boa fariña de cereal do país, o que nos permite traballar con nove liñas de pasta distintas hoxe en día. Cada unha deles require un amasado diferente; distintas proporcións de auga, fariña... Despois empregamos máquinas para darlle unha determinada forma á pasta. Tras iso, pasamos a pasta a un deshidratador para levar a cabo un secado lento a baixa temperatura durante seis horas aproximadamente. O que pretendemos con isto é preservar todas as propiedades da materia prima orixinal e que teña un sabor o máis vivo posíbel. En canto á cervexa, temos o problema de que non hai materia prima local, polo que adoitamos servirnos de cereal ecolóxico procedente de Bélxica e de Francia. Empregamos cereal malteado. É un proceso de elaboración bastante complexo. En canto ao lúpulo, obtémolo en Catalunya, aínda que a nosa idea é comezar a plantalo o ano que vén.

-Como distribúen os produtos que elaboran?  

Traballamos sobre todo con tendas de proximidade e, na práctica, a gran maioría son de produtos ecolóxicos. Rexeitamos desde o primeiro momento as grandes superficies porque non nos entusiasmaba nada ese modelo. De feito tampouco consumimos nelas. É certo que temos unha produción pequena, pero temos posibilidade de vender toda a mercancía por estas canles. A nivel local, tamén vendemos nalgún bar e nalgún estabelecemento do estilo na zona de Lugo. A cervexa traballámola sobre todo na zona de Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense... A zona de Vigo e Pontevedra témola un pouco máis esquecida por cuestión de afastamento. Tamén vendemos en Madrid e Barcelona. A pasta está moito máis distribuída por toda a península. Ademais, temos unha páxina web por se a xente prefire comprar directamente, e de vez en cando tamén acudimos a algunha feira.

-Que acollida está a ter Bubela?  

Penso que boa, non nos podemos queixar. Nunca fomos detrás das tendas para que comercializasen o noso produto. As que o fan é porque as donas probaron o que facemos e gostaron. A xente que nos descobre queda contenta e adoita repetir.

Comentarios