Pedro Rocha xa manda na Federación Española

Estar imputado non freou a súa designación.
Rocha (esquerda), posando co presidente da Liga, Javier Tebas. (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Rocha (esquerda), posando co presidente da Liga, Javier Tebas. (Foto: AFP7 / Europa Press).

O investigado Pedro Rocha -no marco da 'Operación Brodie'-  foi proclamado novo presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), cargo para o que era o único candidato tras recibir o apoio da inmensa maioría dos e das asembleístas da institución.

A RFEF lembrou que o acordo foi tomado pola Comisión Electoral "con base no calendario que foi estabelecido para este procedemento", e que, seguindo o ditaminado pola nova Orde Electoral do Goberno, "procedeu á proclamación directa do candidato que, de maneira inmediata, pasará a exercer como presidente da entidade".

O dirixente estremeño era o único dos candidatos que puido presentar o número de avais necesario, un total de 107, os cales foron considerados validos a pasada segunda feira pola Comisión Electoral tras desestimar o recurso presentado ante o Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) por Miguel Galán, presidente do Centro Nacional de Formación de Adestradores de Fútbol de España (Cenafe).

Deste modo, non será necesario que se leven a cabo as eleccións programadas para o próximo 6 de maio, e agora deberá ser Rocha o que asuma o mando da RFEF até que se desenvolva un novo proceso electoral, unha vez superados os Xogos Olímpicos, cunha nova Asemblea e para un mandato de catro anos.

A razón desta medida -que está baixo a "vixilancia" da FIFA e a UEFA, que consideran pode ser unha "interferencia indebida" do Goberno estatal- é que o Consello Superior de Deportes (CSD) vén de decidir a formación dunha Comisión de Supervisión, Normalización e Representación para tutelar o ente e "corrixir a grave situación" que atravesa a RFEF e guiala até o inicio "dunha etapa de rexeneración baixo un clima de estabilidade e institucionalidade". 

E, a maiores, a Comisión Directiva do CSD aínda debe decidir sobre se sanciona dalgunha maneira a Rocha despois de que o Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) lle abrise expediente ante posíbeis infraccións "moi graves" relacionadas co exceso de funcións da seu parte e do resto da Comisión Xestora que lideraba, como puido ser a renovación do seleccionador estatal masculino, Luis De la Fuente, algo que o sucesor do tamén imputado Luis Rubiales prometeu "impugnar". 

Comentarios