Pintan "Me Too" na vaxina da 'Orixe do mundo', cadro erótico que realizou Courbet en 1866

A obra erótica do pintor francés Gustave Courbet, A orixe do mundo, de 1866, chegou a lucir esta segunda feira a frase "Me Too" sobre a vaxina anónima inmortalizada no óleo sobre lenzo.
Acción sobre o cadro (Foto: Vimeo / Deborah de Robertis official).
photo_camera Acción sobre o cadro (Foto: Vimeo / Deborah de Robertis official).

A obra erótica do pintor francés Gustave Courbet, A orixe do mundo, de 1866, chegou a lucir esta segunda feira a frase "Me Too" sobre a vaxina anónima inmortalizada no óleo sobre lenzo. Exposta no Centro Pompidou en Metz, no nordés de Francia, foi pintada por dúas mulleres con spray vermello para deixar unha pegada na arte.

O centro de arte moderna e contemporánea, que prestou o cadro do Museo de Orsay, aclarou nun comunicado que A orixe do mundo estaba protexido por un cristal, mais aínda están a avaliar se terminou afectado pola intervención.

Tamén foi botada pintura sobre obras de Rosemarie Trockel, Louise Bourgeois, Valie Export e Deborah de Robertis, a artista franco-luxemburguesa que ideou esta acción, mentres que un bordado vermello de Annette Messager foi roubado.

As dúas responsábeis de plasmar un "Me Too" en A orixe do mundo foron detidas inmediatamente e agora enfrontan cargos por "danos ou deterioración de bens culturais cometidos en grupo" e "roubo de bens culturais en grupo". As autoridades tamén están a buscar unha terceira persoa que podería estar detrás do roubo do bordado de Messager.

As activistas artísticas pintaron "Me Too" en cinco obras da exposición en total. O Centro Pompidou explicou que algunhas persoas "distraeron o persoal de mediación e seguridade, permitindo a outros membros do grupo" vandalizar os cadros.

Deborah de Robertis aclarou a AFP que querían "desafiar a historia da arte", pintando un "Me Too" precisamente na soada vaxina "porque as mulleres son a orixe do mundo". 

As autoras da acción cometeron este actos para transmitir a idea de que non se pode separar á muller do artista. De Robertis mesmo confesou nas redes que se reapropiou da peza de Messager, propiedade do curador da exposición Bernard Marcadé. "Considero que esta obra é miña e débema", razoou.

"Co debido respecto aos movementos feministas, estamos conmocionados ao ver como se vandalizan as obras de arte, en particular de artistas feministas, que estiveron no corazón desta loita na historia da arte", comentou Chiara Parisi, directora do museo.

Comentarios