A PREVIA | Sestao, trámite ineludíbel para o ascenso do Dépor

A escuadra branquiazul, obrigada a gañar para conservar a vantaxe sobre o Barcelona B.
O técnico Javier Irureta -na imaxe, posando cos títulos que gañou co Deportivo- será homenaxeado antes do comezo do partido de hoxe. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O técnico Javier Irureta -na imaxe, posando cos títulos que gañou co Deportivo- será homenaxeado antes do comezo do partido de hoxe. (Foto: RC Deportivo).

Deportivo da Coruña e Sestao River -herdeiro do Sestao Sport, desaparecido en 1996- son dous clubs que tiveron moito en común na década dos 80 do século pasado, coincidindo até en seis tempadas consecutivas na Segunda División. Porén, nos 90 o Dépor subiu como a escuma e o equipo vasco caeu aos infernos da cuarta e a terceira categoría, onde volveron reunirse na 2023/24 logo de 33 anos separados.

Desta forma, a primeira visita branquiazul ao campo das Llanas desde o 30 de setembro de 1990 producirase ás 18 horas do sábado, e antes do seu comezo a directiva do conxunto local aproveitará para homenaxear, entregándolle a insignia de ouro e brillantes sestaotarra, a unha lenda de ambos os contendentes: Javier Iruretagoyena.

O que fora adestrador deportivista entre 1998 e 2005 comezou a súa carreira en Sestao en 1984,  alcanzando o ascenso a Segunda en 1985 e rematando a piques de lograr subir a primeira en 1987, algo que no seu lugar conseguiría un Celta ao que Irureta dirixiu na campaña 1997/98.

Mais sobre o céspede non haberá lugar para sentimentalismos, pois o Dépor está obrigado a gañar se quere conservar -e quen sabe se aumentar- a vantaxe de catro puntos sobre o seu máis inmediato perseguidor, un Barcelona B co que colidirá a próxima xornada, a antepenúltima da fase regular.

Ademais, e sen mover o foco da Primeira Federación, o Celta Fortuna tamén deberá desprazarse até terras vascas, no seu caso para xogar co filial da Real Sociedade ás 17 horas do sábado, nun choque no que a vitoria deixaría a escuadra olívica, a expensas do que aconteza no Real Unión de Irún-Cultural Leonesa e no Cornellà-Ponferradina, con pé e medio no play-off, soño xa imposíbel do Lugo e moi difícil para o Arenteiro, que debe superar os albivermellos no derbi do domingo ás 19 horas se queren seguir na 'pomada'.

O Rácing, "a pelexar o 'play-off' até o último segundo"

Disque "Deus dá pan a quen non ten dentes", pois desa Segunda División na que devecen por militar na 2024/25 os galegos da terceira categoría, quere fuxir un Rácing de Ferrol que, a pesar de apañar resultados negativos nas últimas datas, continúa  optando a subir.

Así o afirmou o veterano Álex López -que xa probou os meles da elite durante tres dos sete anos nos que defendeu as cores do Celta-, sostendo que "aínda resta un mes de campionato" e que a súa obriga é "pelexar o play-off até o final".

Con todo, os tropezos ante Vilarreal B e Mirandés complicaron esa meta, e até sete equipos -Elxe, Rácing de Santander, Sporting de Xixón, Oviedo, Burgos, Levante e o propio Rácing- optan ás dúas últimas prazas que dan dereito a disputar unha promoción á que, xa si definitivamente, podería dicir adeus de caer co Tenerife ás 21 horas do domingo no Heliodoro Rodríguez López da capital canaria.

O Celta recibe o Vilarreal coa cabeza posta en Madrid

A psicoloxía deportiva defende posturas absolutamente contrapostas sobre os efectos da presión sobre o rendemento futbolístico. Porque, dependendo do que aconteza no compromiso do Cádiz -máximo rival celeste de cara a conquistar a permanencia en Primeira- fronte o Real Madrid o sábado ás 18.15, o Celta encarará dun modo ben diferente o seu duelo co Vilarreal do domingo (Balaídos, 16.15 horas).

Un triunfo, unido a unha derrota andaluza, suporía un paso de xigante para certificar esa anhelada salvación, pois o Cádiz ficaría a oito puntos con só 12 en xogo até o remate ligueiro. 

No coliseo vigués, Giráldez podería optar por Guaita; Mingueza, Domínguez, Núñez; Jaílson, Beltrán, Álvarez, Pérez; Swedberg, Aspas e Larsen. 

Comentarios