VÍDEO | Así se ven a vista de drone os rorcuais comúns que visitan as rías Baixas
Persoal científico do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) realizou un estudo multidisciplinar dos rorcuais comúns (Balaenoptera physalus) que anualmente visitan as augas galegas durante a época estival.
A campaña RorquGAL B&B 2025 (Rorquals from Galicia - Blow and Biometrics), a terceira desta serie, realizouse na plataforma continental fronte ás rías Baixas entre finais de agosto e principios de setembro a bordo do catamarán Chocolate de Charter Terranova.
O obxectivo principal da campaña foi a obtención de información relativa ás poboacións de rorcuais comúns que visitan augas galegas en época estival. A pesar das malas condicións meteorolóxicas que predominaron durante estas últimas semanas, conseguíronse facer oito saídas offshore (fóra das rías) até o límite da plataforma continental. Nas mencionadas saídas púidose rexistrar a presenza de 63 rorcuais, dos cales 35 foron foto-identificados mediante imaxes aéreas para comparar cos catálogos existentes noutras rexións, tamén se obtiveron mostras de microbioma expirado de 14 individuos mediante o uso de drones. Igualmente, recolléronse mostras de tecido e de auga para caracterizar xenética e isotopicamente a estas poboacións.
"As condicións oceanográficas predominantes situaron os grandes afloramentos de microalgas e a presenza de kril en latitudes máis setentrionais e en lugares máis afastados que en ocasións anteriores (sobre o noiro continental), polo que a presenza de rorcuais non se puido apreciar tan perto da costa como en anos previos. A pesar diso, e á dificultade sobrevinda polas condicións meteorolóxicas dominadas pola presenza de temporais outonais temperáns, o número de baleas rexistrado seguiu sendo moi elevado", sinala Camilo Saavedra, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e responsable da campaña.
"A análise do ADN ambiental presente na auga e o uso de drones para a toma de datos biométricos e mostras do microbioma respiratorio fai posíbel obter unha información até o de agora descoñecida, o que nos permitirá caracterizar a poboación que visita as augas galegas, estudar a súa conectividade e patróns de migración, así como o seu estado de saúde", sinala Paula Suárez, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo responsábel dos estudos xenéticos de cetáceos que o IEO realiza no marco das Estratexias Mariñas españolas.