CULTURA

Sés - 'Diante un Eco'

A cantautora galega Sés presentou esta sexta feira o seu oitavo proxecto, o disco Diante un Eco, con doce temas entre os que están a canción homónima, Cantan as balas ou Para cando eu morra, e que a levará de xira polos principais escenarios da Galiza, o Estado español e Latinoamérica.

O álbum continua a liña da vocalista de Bergantiños, que xa avisaba hai unhas semanas sobre a temática do álbum. "É o eco dun pasado tráxico, do retorno aos totalitarismos, da lousa dunha profunda e crecente desigualdade social, dos retrocesos na igualdade de xénero", resume a artista nun comunicado.

Sés, que leva once anos de carreira nos que se consolidou como unha das principais referentes da música galega, resume que os seus obxectivos son cantar a súa verdade e a partir dela construír un discurso que chame á lucidez e conduta crítica para construír unha sociedade e un futuro mellor para os nenos e nenas.

Na presentación do disco anunciou unha xira que parte do país: A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Narón recibirán a cantautora nos días 10 e 17 de decembro, 14, 21 e 28 de xaneiro e 3 de febreiro, respectivamente. A continuación, seguirá o seu percorrido por distintas cidades, con citas previstas en Ponferrada e Madrid.

Comentarios