Opinión

Eleccións

Escribía neste mesmo xornal un artigo titulado 'Eleccións' a profesora e escritora Marta Dacosta que remataba da seguinte maneira: "máis comprobei que a nosa simple presenza era un elemento de garantía".

Pois no agro, vai haber eleccións aos consellos reguladores (CRs). Pero, que son e para que serven os CRs? Pois ben, basicamente estes consellos gobernan o funcionamento e o control da calidade dos produtos amparados na Denominación de Orixe (DO).

Un novo decreto abre o proceso dos consellos reguladores do ámbito agroalimentario que abranguen as Denominacións de Orixe ao abeiro da Lei de Promoción e Defensa da Calidade Alimentaria Galega, lei promovida pola Consellería nacionalista do goberno bipartito.

O presente decreto ten relación coa organización de eleccións dos e das vogais representantes dos consellos reguladores en nove denominacións e indicacións xeográficas protexidas. Hai outras que fican fóra deste proceso e que están tuteladas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que está tramitando a actual Consellería do goberno do PP e que de seguro ten que ter unha resposta política nas posturas nacionalistas sobre a cuestión.

Desde o afastado ano 76 o nacionalismo organizado tentou levar adiante propostas para favorecer a  democratización destes órganos de goberno así coma o cumprimento das funcións para o que foron encomendados, destacando a loita contra a fraude da etiquetaxe e o fomento da interlocución entre produción e elaboración para obter prezos xustos polas materias primas servidas como o caso das uvas e o viño.

Hoxe en día un consello regulador constitúe unha ferramenta poderosa para a organización do sector que atende co control que exerce sobre o potencial produtivo, a certificación nos obradoiros e industrias, así como a planificación de cada vez máis sofisticadas campañas de promoción que agora son de alcance global.

Como organización sectorial do agro que se inspira no ideario nacionalista, FRUGA defende o papel dos consellos reguladores como institucións fortes que defenden a creación da riqueza arredor da produción e comercialización de alimentos frescos ou elaborados, que maximicen de xeito xusto a economía local dos territorios amparados no sistema agroalimentar do noso país.

Sen levarnos a enganos, estas eleccións. como noutros ámbitos sectoriais ou laborais, están condicionadas polo contexto político, e así debemos entender as diferentes candidaturas.

No agro as eleccións sempre estiveron moi politizadas, e refírome de xeito partidista (PSOE/UUAA, PP/Xóvenes), e por outra banda o nacionalismo, fálese do BNG. O compromiso militante político na axuda de conseguir votos para acadar representación é fundamental. O exemplo práctico viuse nas eleccións ás extintas cámaras agrarias, onde o activismo do Bloque na campaña fixo que se acadara a presidencia da cámara de Lugo (noutras provincias considerouse que non había que involucrar o BNG, e os resultados foron outros) é certo que as cousas mudaron hai uns anos, o agrarismo nacionalista partiuse en dous (isto para outro artigo), o fraccionamento, rotura ou como queira chamarse é común no noso país (pasou na INTG, BNG…) unha análise  que deixo para quen sabe máis ca min disto, pero considero, ao respecto, que o minifundio estrutural nas terras maniféstase no mental das xentes do país; os Monty Python reflexárono moi ben na película A vida de Brian.

Non obstante, considero que é hora de avanzar (non só no eido electoral) e clarificarse na defensa dos intereses do país. Non podemos, baixo ningunha circunstancia, permitirnos o de partir os votos, co perigo que implica de non acadar representatividade para que outras organizacións (alleas aos intereses do noso agro) logren os postos de representación nos órganos que marcarán as políticas dos CRs.

É momento de ter visión de país por riba dos personalismos, o agro galego agoniza e temos que ser nós, o nacionalismo, os que botemos man para evitar a desfeita.

Ou miramos de amañar esta situación ou senón morreremos empachados de ego, e iso ten moi mala dixestión. O bicarbonato non vale.

Comentarios