Opinión

Un insulto á intelixencia

Lembro ben a patética fotografía de Romay Beccaría, conselleiro de Meio Rural con Fraga, a mostrar un estraño artefacto incendiario, unha instantánea que, por asociación iconográfica, evoca a de Colin Powell a axitar aquel frasquiño incriminatorio que, of course, contiña material tóxico, as armas de destrución masiva coas que Sadam Hussein ameazaba a paz do planeta.

Levan décadas, demasiado tempo, a insultar a nosa intelixencia co espectro de tramas incendiarias, agora transmutadas en terroristas, que nunca se acaban de verificar nen de concretizar. Os fiscais serios están fartos de dicer que non hai nada de nada e que as investigacións practicadas non permiten concluír a existencia de ningún colectivo que persiga obter os seus fins a meio do terror. O terrorismo incendiario sería, por tanto, unha cortina de fume para tapar as responsabilidades propias, as dunha Xunta da Galiza que non ten máis política forestal que a de servir os intereses privados, nomeadamente os de ENCE.

Na súa comparecencia Feijóo foi Feijóo, ou sexa, el pasaba por alí (desta volta sen mangueira nen mocasíns), e a culpa téñena ou ben a atmosfera (coas alteracións climáticas que negaba o curmán de Rajoy) ou ben a fantasmagoría terrorista. Responsabilidades a asumir pola Xunta? Ningunha. Algo que facer desde o goberno galego? Ben, restaurar as franxas de seguranza que con insensatez a maioría do PP acordou reducir na última reforma da lei de montes e colocar vídeo-cámaras nos montes máis expostos ao lume. Mais nen unha soa proposta de envergadura que modifique sustancialmente a política forestal e que vaia á raíz do problema, o abandono do meio rural. Nada que permita ter algunha esperanza de que o horror non se reproduza.

As investigacións policiais en curso resultaron na detención de dúas persoas e explicarían os lumes de apenas cinco hectáreas, unha pinga no océano das 49.171 ardidas en pouco máis de 48 horas. Ningunha das persoas arrestadas responde en absoluto ao perfil dun terrorista. "Usan o lume para alterar a paz pública", di Feijóo dos incendiarios. Realmente é suportábel ter un presidente do goberno que insulta a nosa intelixencia nun asunto dunha gravidade tan extrema como este? Alguén pode acreditar que as persoas detidas queimaron o monte a mantenta para "alterar a paz pública"?

Tranquilidade absoluta en Monte Pío. A imprensa amiga, cada día máis entregada, dará conveniente cobertura ás disparatadas ficcións de Feijóo, que, xa o sabemos, nunca é responsábel de nada.

Comentarios