Opinión

Por que Pablo Iglesias se equivoca ao liquidar Errejón?

Nada, un día destes dimito como analista político, eu con isto non contaba, Pablo, non pensei que o farías, non pensei que axirías de acordo cos postulados e o modus operandi típico da vella política, pensei que tiñas outra cintura, que eras quen de facer xusto o contrario do que o inimigo agarda que fagas, e xa vexo que non, que hai inercias que vos arrastran como aos partidos do século pasado, nihil novum sub sole.

Pensei que non o farías (liquidar Errejón, expulsalo do taboleiro da política estatal) porque era (é) un erro garrafal. E é un erro garrafal porque:

1.-Concede ao PSOE a oportunidade de liderar todo o flanco da socialdemocracia. Non é seguro, iso si, que o PSOE aproveite esa oportunidade. Se optar por Susana Díaz, Iglesias aínda podería respirar (e enarborar o discurso de Ferraz ser comparsa do PP). Se o fixer por Pedro Sánchez -e hai serios indicios de que esa probabilidade é hoxe máis forte do que onte-, Podemos tería un serio problema (cun líder no PSOE afirmado na esquerda e abandeirado do acordo pola esquerda, un pouco como Hamon na Franza).

2.-Debilita a hipótese da unidade popular. A UP non se pode construír sobre a base das maiorías mecánicas e moito menos da aplicación de normas eleitorais internas maioritarias. A candidatura de Iglesias obtivo 50 por cento de votos das e dos inscritos. Esa percentaxe axigántase ao se traducir en até 80 por cento dos membros da Executiva. A Nova Política non mostra demasiada capacidade á hora de procesar o pluralismo.

3.-Mostra de forma demasiado burda que Iglesias prioriza o control do aparato antes do que tornar Podemos nunha organización competitiva no plano eleitoral. Nesta altura o ceo que tencionaba asaltar Iglesias non era a Moncloa, senón a ponte de mando morada, até agora controlada polos errejonistas.

4.-Pon en evidencia que as primarias son un puro simulacro que se pode burlar a dous anos vista cun acordo cupular entre o número un e o ex número dous. Que diferencia a designación de Errejón como candidato a Madrid por Iglesias do nomeamento de Cristina Cifuentes pola Rúa Génova?

O desaparecimento de Errejón do primeiro plano da política estatal empobrece Podemos. Non acerto a ver que saes gañando con isto, Pablo, salvo demostrar pola forza dos feitos quen é o chefe.

Comentarios