Opinión

Madrid e o capitalismo de amiguetes

A centralización borbónica deulle a Madrid esa fasquía de pequena cidade burocrática e afastada de Europa, centro do sistema oligárquico-caciquil da Restauración que tan ben describiu Joaquín Costa. Unha oligarquía que moi axiña corrixiu o deseño competitivo e exportador dos primeiras propostas de ferrocarrís privados (velaí o Compostela-Carril) pola radialidade con centro en Madrid que define o mapa ferroviario español e o mapa das estradas impulsadas por Primo de Rivera.

O franquismo potenciou Madrid como praza financeira e centro económico. Mais o grande pulo foi o dos últimos corenta anos, coincidindo coa teórica descentralización do poder político. Defíníronse unhas prioridades infraestruturais (autovías e AVE radiais, nova terminal aeroportuaria que custou un billón de pts. ), que non só potenciaron Madrid fronte aos eixos atlántico, cantábrico ou mediterráneo, senón que traballan para o grande lobby construtor-concesional.

O lobby da distribución eléctrica recada no seu favor dende un absurdo tarifario que penaliza ao conxunto da industria española e a Galicia como país produtor, mentres favorece aos grandes mercados do consumo doméstico que non producen enerxía, como Madrid. As sucesivas concentracións bancarias priorizan Madrid como praza financeira e vencellan irresolubelmente poder financeiro e poder político. O proceso de privatización das empresas públicas desenvolvido polos gobernos de González e Aznar concentran o IBEX 35 nos sectores regulados e extractivos que viven do BOE e non en empresas que compiten  en libre concorrencia.

As sucesivas concentracións bancarias priorizan Madrid como praza financeira e vencellan irresolubelmente poder financeiro e poder político

Este esquema transládase aos medios estatais, todos eles madrileños, que constrúen un discurso que identifica este Madrid do capitalismo de amiguetes coa unidade de España. Botín e Florentino Pérez frustran a operación para galeguizar o capital de Unión Fenosa (2006) e a grande distribución eléctrica presiona Feijóo para arquivar un plan eólico que beneficiaba os emprendedores galegos e o desenvolvemento industrial do País (2009). E, coincidindo coa crise, a presión extractiva dos “lobbies” estatais intensificouse, mesmo concorrendo a actividades e contratacións que antes beneficiaban as pemes galegas. 

Madrid fagocitou Castela e vai camiño de facelo con Galicia.

Comentarios