Opinión

Crónica da miña morte anunciada ou o realismo máxico

Todo o mundo sabe que cando entras nesa banda, faste inmortal. Cando eu cheguei, vin o corpo da cantante anterior que aínda estaba quente, tirado no escenario. Que lle pasou?, preguntei. Nada, morreu porque quixo. A vida das cantantes era moi limitada naquel sitio. Sabíao. Nunca imaxinei verme nesa situación un ano e medio máis tarde, sentada fronte aquel pelotón de fusilamento. Chegaron os concertos, as viaxes e as experiencias fantásticas. Parecía merecer a pena todo aquel golpe de sorte, mais tamén chegaron outros agasallos non gratos. Nos tempos que corren, unha muller ao longo da súa vida ten que combater moita inxustiza, pero se es muller e cantante, a cousa complícase.

A voz está inevitablemente ligada á emoción e se a emoción está constantemente sendo atacada podedes imaxinarvos o dano que pode facer á saúde física e mental. Imaxinade cantar co estrés de saber que nunca é suficiente o que fas, que non expresas, que non é exactamente así o que tes que facer, que hai que preguntar máis porque ti non tes nin idea. A idea é outra: Faite ovella para que te coma o lobo.

Unha muller ao longo da súa vida ten que combater moita inxustiza, pero se es muller e cantante, a cousa complícase

 

Aquela noite soñara co disco que estábamos a gravar. Melodías de brazos longos e metálicos agarrábanme de pés e mans e sacaban de min unha voz alaranxada, allea, diferente. Non puiden recoñecer o presaxio e pola mañá, o correo trouxo o novo disco. Escoiteino. Estaba gravado cunha voz que non era a miña. Decidírase por detrás e unilateralmente que o meu traballo non tiña xa valor e chamaran unha persoa que substituíse a miña voz. Na memoria estaban os meses de traballo e entrega ao proxecto, agora totalmente difuminados ou eliminados. A causa daquela decisión? Unha rifa, a veleidade, o arrolar do vento, a vaidade...quen sabe.

A verdade é, Belém, que todas as cantantes anteriores saíronchenos malas. Parecía que falaba meu avó sobre as patacas, non sobre persoas. Así llo dixen. Dispararon. Meu corpo tendido no chan, alcanzou a ver a lúa asomarse por entre os carballos sagrados. Agora son unha cantante máis na lista, das que morren porque queren, pracidamente satisfeita, agradecida por ter coñecido xente boa e xenerosa no camiño, orgullosa de ter aprendido tanto do malo e do bo. Agradecida, sempre. Aínda que case silenciaran a miña voz nese disco, sigo cantando de pé, non axeonllada.

 

Comentarios