Opinión

A música do corazón

Sabido é que a muller ten varios súper poderes. Un deles é que pode ter no seu corpo máis dun corazón á vez. E por se fose pouco, ten a súa voz, que nunca canta soa. A voz da muller é polifónica, explícome: A voz da muller nunca é solista porque sempre está acompañada das voces das outras mulleres que cantan e berran xuntas. Así ocorre na nosa tradición musical. As mulleres sempre cantaban e falaban entre outras cousas, de si mesmas, dos seus amores e das súas vidas, dun mundo de seu. Toda a forza feminina saída das gorxas das mulleres bravas.

A primeira música que escoitamos é o corazón da nosa nai. É un ritmo sutil e suave pero ben xeitoso para bailar unha xota, por exemplo. Cada persoa ten a súa música e o seu ritmo, algunhas correntes da musicoterapia chámanlle a isto “Historia vital sonora”. É un grande exercicio convídovos a que o fagades se tedes tempo. Trátase de buscar entre os recordos todas aquelas músicas que nos marcaron desde que nacemos ou incluso, desde antes de nacer. Escolledes un anaquiño de cada canción e con axuda dalgunha aplicación informática, pegades todos os anaquiños un tras do outro. O resultado é realmente unha viaxe sonora pola vosa vida. Moi emocionante.

Unha das miñas primeiras músicas é a miña avoa, xunto coa grande influencia da televisión e dos debuxos animados da época. Recordo cando era pequena, e miña avoa viña arrolarnos a meu irmán e a min e coa súa man marcaba un ritmo lento: pam-pám, pam-pám, pam-pám. Ás veces tamén cantaba baixiño. Penso se ela elixiría ese ritmo ou simplemente transmitía o que aprendera. Cando cantaba case sempre eran cantigas infantís en galego e en castelán. Ese ritmo que ela marcaba era unha xota, pero era tamén o que ela escoitara da súa nai, a música do corazón.

Comentarios