venres 03/12/21

Unha F.M. musical e culta

Habíame gustar escribir aquí como un escritor. Deixar quedar aquí unha páxina para ser relida anos máis tarde, recollida nun volume con recendo literario. Unha páxina que contase que este ano o outono está negado por un veo invisíbel de doenza e desesperanza. E se o fixese quen mo había recriminar?

Escribir obviando a crise social, a situación de persoas e familias. Obviando o franquismo no Estado que se manifesta nunha Xustiza cada vez máis espida. Obviando que nos goberna quen presidiu a desaparición das caixas, o aforro de xeracións, e siga sen dar explicacións. Poder escribir a salvo de coñecer esas certezas.

Escusado das urxencias, razoaría sobre cousas que semellan nimias e que, con todo, importan. Importa que teña suceso a iniciativa de que a TVG dea unha presenza importante aos debuxos animados dobrados, ou creados, na nosa lingua. Supoño que nace dunha saudade xeracional polo “Xabarín”, a infancia perdida desas persoas. Sempre hai unha primeira vez, tamén para a saudade pola infancia. Recupérase se un ten a fortuna de chegar a vello.

O feito de ter a posibilidade de crecer gozando de debuxos animados en galego é unha sorte, e claro que é unha petición ideolóxica, o dereito a vivir no noso país na nosa lingua. E negar esa posibilidade tamén é ideoloxía, ese nacionalismo españolista que levamos padecido toda a vida, todas as vidas.

E os maiores tamén pedimos cousas para nós. Unha canle de radio de música culta (culta, si) que nos faga compañía e nos eduque. Poño a chamada “Radio Galega Música” e con voz pegañenta, “Cuando crecí me marché del barrio...”, unha programación comercial e vulgar (vulgar, si) e sempre sempre en castelán. Que non hai tanta produción musical en galego? Moita máis da que programan. En todo caso, para que serve esa emisora? Hai moitas comerciais iguais.

O programa “Luar” é necesario, un clásico útil e poucos o negarán. Mais non pode ser que a oferta que nos faga a RTVG sexa un único gran “Luar”, dirixida a un mesmo público. A nosa sociedade é moito máis diversa do que pretenden quen intenta reducirnos a un país envellecido, inculto e sen futuro. É un verdadeiro dereito o termos unha emisora que acompañe e eduque na música clásica e culta que crearon e crean os nosos compositores e os de todo o mundo e toda época. Unha F.M. clásica para quen queira desfrutar e coñecer máis do que ofrece o mercado musical madrileño. (“Cuando se acerque el final...”, cantan agora nesa emisora absurda.)

Unha F.M. musical e culta
comentarios