luns 06/12/21

Ensaladilla republicana

Escritores temos unha liberdade para tratar co pasado histórico que non teñen historiadores, nesa liberdade corremos o risco de acertar ou falsear a verdade dos feitos. Así e todo, non lle hai que facer, traballamos en eidos distintos, historiadores procuran o dato para conseguir información, escritores a anécdota a buscar sentido.

A monumental biografía de Castelao, agardamos segundo tomo, de M. A. Seixas, vai debuxando o home tras o personaxe histórico, detrás do home exiliado ficaron mulleres reféns aquí, pouco e pouco irán emerxendo. En días pasados este xornal refería aspectos da vida de Virxinia Pereira Renda, esposa de Castelao. Aparecían de esguello Josefina e Teresa, as irmás de Castelao e tamén as diferenzas entre Virxinia coa nai e as dúas irmás. Hóuboas, naturalmente, e cada quen tiña a súa visión desde cada lado do Atlántico, desde Bos Aires e desde o Rianxo baixo o franquismo.

As pescudas para unha novela leváronme a tratar nestes tempos con eses personaxes que ficaron aquí baixo o terror, aterrorizadas, pois o exilio foi cruel mais o que se viviu aquí foi terríbel, e fíxome comprender que a figura desas mulleres, particularmente a de Teresa, merecen un respecto que penso que aínda non se lles ten. Un libriño de Dourado Deira é un achegamento primeiro, falta que outras persoas fagan memoria. Porque o lugar das mulleres foi a penumbra e apenas aparecen na vida pública, que é a que están obrigados a contar os historiadores.

Estes días con motivo dun comentario meu en Facebook sobre un prato que as Castelao presentaban aos convidados polo día da Guadalupe de Rianxo, a “ensaladilla republicana”, chegoume un comentario atinado e preciso asinado por Carmen Varela: “Non coñecín a Josefina pero si a Teresa. En certa ocasión había unhas conferencias en Rianxo sobre seu irmán. Ela xa non saía á rúa. Antes de volver para Santiago funme despedir. Dera a conferencia alguén moi prestixioso e coñecido. Ao entrar preguntoume "Como estivo fulanito? Ben ou coma sempre?". Noutra ocasión, desde a arrogancia dos vinte e poucos anos pregunteille se non lle daba mágoa que xente tan distante das ideas de seu irmán se esforzasen por facer unha foto con ela e deume unha lección brutal. Díxome "non te enganes, son eles os que limpan os pés na alfombra da porta da miña casa". Ben sabía ela o que custara chegar a iso. Si, era moito máis libre do que dende lonxe podía parecer. Leal por descontado e rabuda tamén. E tiña parte no cromosoma do humor intelixente e retranqueiro.”

Ensaladilla republicana
comentarios