Opinión

A xeografia política dos países de lingua portuguesa

Durante toda a miña vida estiven metido nun debate lingüístico agora moderado, se o galego é unha lingua de seu ou forma parte das coñecidas internacionalmente como falas portuguesas. Chegou un momento no que me esquecín dos debates filolóxicos (realmente non teño autoridade para opinar), e fun descubrindo os países da CPLP falando galego, adaptándoo un pouco, e non tendo ningunha sensación de estar fóra da miña comunidade. Os brasileiros dinme que falo moi ben portugués, os angolanos que falo portuñol, moitos portugueses tratan de practicar o español fronte a min e ultimamente o inglés (isto xa me preocupa). De xeito natural ando por Portugal, xa me chaman a tribunais de prazas de profesores, a teses, a sesións especiais en lingua portuguesa. Como din os meus amigos da Universidade de Porto, son “das provincias máis ao Norte”. Aprendín así que Galiza é un país central: un galego ou galega desde pequenos non teñen problema en comunicarse con case 1.000 millóns de falantes en portugués ou español, e iso dá enormes avantaxes.

Así, cando escribo en galego, a máquina correctora de windows remíteme ao español ou ao portugués até que insisto.

Como xa declarei o meu amor e proximidade polos territorios CPLP, agora vou repasar o que observo da súa conxuntura actual. Crises políticas en Portugal e Brasil, moi diferentes entre si. En Portugal a convocatoria de eleccións anticipadas vai provocar, se non erro, o encollemento da esquerda do Bloco e o PCP. Se gaña comodamente ou non o PS vai ser menos relevante. Poderá gobernar de novo só ou con apoios do PSD diante do avance da extrema dereita. Pero a marxinalización parlamentaria das esquerdas pode ser un feito. Isto é grave, pero tamén o foi a incomunicación entre elas, a súa posición subordinada, de relacións bilaterais co PS. Portugal é unha república moderada, consensual, querida polos grandes actores do capitalismo mundial (desde a UE até a China). Cunha esquerda reducida, aínda o será máis. Á custa dos traballadores non cualificados? Pode ser.

Na República federativa do Brasil a crise ten un significado distinto. O experimento da gran coalición anti-esquerda que levou o ultradereitista J. Bolsonaro á Presidencia semella estar totalmente esgotado. A duras penas resiste un goberno que oscila entre proclamas golpistas e xiros cara a un hipotético centro político. En todo caso, semella que o retorno de Lula e dun grade agrupamento encabezado polo PT á Presidencia e ao executivo son imparables. Outra cousa será como se tece o pacto ao redor do líder traballista, canto de reformas sociais ou de pacto cos moderados se vai construír ao redor do personaxe máis querido do país. A volta da esquerda será unha boa nova para toda América Latina e para os sectores maioritarios da poboación; haberá que analizar con que programa e en que condicións.

Se ollamos para África, só dous apuntamentos. Co retorno do Paigc á Presidencia de Cabo Verde modérase a recente deriva conservadora do país, que non obstante continua a ser un exemplo notable en África de pluripartidismo e alternancia democrática sustentado nunha sociedade civil madura. O Estado falido que anunciou a ONU nos anos 1970, rematou sendo unha das nacións máis sólidas e estables do continente. Dun xeito diferente cómpre analizar Angola, de onde remato de chegar. O monopolio do poder do MPLA, aínda que con algunhas boas intencións, está levando a que a corrupción se xeneralice en todos os estamentos. Moito máis se consideramos que se trata dunha potencia petroleira, con numerosos ingresos e crecemento aparente do PIB. Pero as masas de poboación de Luanda seguen a ser moi pobres, afectadas polo desemprego crónico e falta de perspectivas. E isto nun país poscomunista e con innumerables riquezas naturais.

Non coñezo Mozambique, pero estes días admirei a presentación dun romance dese país en Compostela, O Museo da Revoluçâo, conducida polo meu amigo Elías Torres. Son semellantes Angola e Mozambique, ou hai numerosos elementos de diferenza? En calquera caso o portugués (e o galego) fican por todas as partes, nos restaurantes portugueses que gocei en Cidade do Cabo, na lembranza dos mariñeiros galegos en Namibia e toda a África Austral. No Cabo de Boa Esperanza que desde hai máis de cincocentos anos mostrou a senda da globalización.

Comentarios