Opinión

Chamamento ao voto útil

Vivimos nun Estado esperpéntico no que se distorsiona a realidade e a dereita e a extrema dereita protagonizan e triunfan cunha estratexia ideolóxica que se plasma na frase "Madrid é España, España é Madrid". É un nacionalismo representado polo militarismo e a monarquía, cunha ideoloxía centralista imperialista do máis rancio, onde Núñez Feixoo está entronizado e identificado como líder. Un exemplo é a celebración o 2 de maio en Madrid. Mais nós, na Galiza, vivimos unha realidade moi diferente.

É obrigado o recoñecemento ás xentes do mar e organizacións como a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistema Mariños, ao seu portavoz Torcuato Teixeira, representante das confrarías galegas e do norte, que están a liderar a oposición aos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), do Goberno español. Unha boa nova é a admisión a trámite polo Supremo do recurso contra a eólica mariña nas costas de Galiza. Na dependencia do Goberno español na que estamos, as eleccións, neste caso as municipais, deben ser un medio para concienciar sobre a explotación da nosa terra. Deben cumprir a importante función de esclarecer e organizar o pobo fronte a política mentireira e escurantista que se nos impón coa complicidade dos medios de comunicación. É indubidábel que hai que ser xestores nas institucións, os mellores, os máis íntegros, leais. Hai que atender as necesidades a curto prazo das nosas xentes, mais o nacionalismo liberador, emancipador, como o que hai na Galiza, ten que mirar ao futuro. Un futuro de esperanza no que o pobo galego sexa dono si mesmo e goberne a súa terra para ben da maioría con pactos e acordos que respecten o súa natureza e beneficien as xentes que vivan na Galiza. É preciso que tomemos conciencia do momento de emerxencia, momento crítico que nos toca vivir. Votemos as organizacións políticas que de maneira clara e explicitamente se comprometan na defensa da terra, dos montes, do mar, no desenvolvemento da súa economía e na conservación e promoción da súa cultura, da súa lingua. Contra a espoliación colonial que toca nestes momentos, representada pola implantación das eólicas terrestre e mariña.

Nestas eleccións votemos pola defensa do país, pola defensa de Galiza.

Comentarios