Servidor do pobo
Houbo un tempo no que elevaron a Zelenski aos altares do "mundo libre": ataviado coa indumentaria dun guerrilleiro heroico de Sierra Maestra paseábase polos parlamentos occidentais (ás veces acompañado de militantes neonazis, como en Grecia; outras honrando a traxectoria de vellos nazis pata negra, como no Canadá) pronunciando deseñados discursos emocionais adaptados a cada audiencia, das cales extraía excepcionais cantidades de diñeiro para a súa causa (banderista).
Previamente fora promocionado ao poder de Kiev por oligarcas como Igor Kolomoiski e apadriñado por Washington. O comediante con dotes comunicativas, e nun clima anti-político, prometeu traer a paz ao Donbass e rematar coa corrupción. Unha vez investido presidente da xa daquela maltreita "democracia ucraína", cos partidos comunistas ilegalizados, apareceu nos Pandora Papers por evasión de capitais. Pretendía "servir o pobo", como rezaba a serie televisiva que propulsou a súa campaña ante o desgraciado electorado. Deseguido intensificou a guerra contra os ucraínos do leste (separatistas prorrusos) como rexistrou a OSCE nas máis de 4.000 violacións do "alto o fogo" meses e semanas antes de marzo do 2022.
Desde entón ilegalizou outros dez partidos políticos de esquerda e federalistas, censurou medios de comunicación, encarcerou e fixo desaparecer disidentes, prohibiu a lingua rusa en prensa e educación ou tamén libros e a Igrexa Ortodoxa de autoridade moscovita. Capitaneou provocacións nucleares nas centrais de Zaporiyia e de Chernóbil, invadiu o óblast ruso de Kursk sen propósito claro, solicitou a implicación directa da OTAN para incendiar o mundo e foi perdendo 25% do territorio estatal, máis de 20% da poboación e as riquezas naturais. Millóns de desprazados, mutilados, mortos e civís recrutados á forza despois Trump&Vance escenificaron un severo: "Estás despedido!". Xa non resulta totalmente útil aos intereses dos titiriteiros primixenios. Agora acólleno na City de Londres: máis madeira!