Profanar o Gernika

Na proposta ianqui de 28 puntos do "Plan de Paz" para Ucraína (actuando como "parte" e "mediador") algúns relaciónanse coa legalización do idioma ruso, da Igrexa Ortodoxa do patriarcado de Moscova, a celebración de eleccións libres ou coa prohibición da ideoloxía e activismo neonazi (desnazificación): un marco de negociacións que cumpre case todas as reclamacións rusas gañadas na campaña militar, incluída a non-incorporación formal á OTAN e outras territoriais, técnicas ou económicas. É dicir, causas do conflito advertidas desde 2007, logo en 2014-15 e desde 2022, que o relato oficialista occidental cualificou estes anos de "propaganda rusa" ou "putinista". Cadrou no tempo cunha resolución condenatoria na ONU sobre o combate á glorificación do nazismo e o neo-nazismo aprobada pola práctica totalidade dos Estados co voto contrario dunha minoría (os da UE, EUA e Canadá, Australia ou Xapón).

Neses días Zelensky, co Goberno envolto en casos de mega-corrupción e algún membro fuxido a Tel Aviv (casualidade), realizou unha xira por Grecia, Francia ou España reclamando máis fondos e contratos de armamento para un festín sen propósito nin horizonte: preguntado polos escándalos, afirmou que "a corrupción é normal, pasa en todas partes". E non lle falta razón, pois aparenta haber unha extensa mafia bélica traficando enormes sumas de diñeiro público. Tamén hai corrupción simbólica: que o líder ultra e neo-banderista (consideran o colaboracionista nazi Stephan Bandera "heroe de Ucraína") visitase o Museo Reina Sofía de Madrid para fotografarse ao pé da obra mestra universal, anti-belicista e antifascista do pintor comunista Pablo Picasso é boa mostra. A Lexión Cóndor cometeu aquel grave crime contra poboación civil euskaldún o pasado século. Os dirixentes de Kiev fixeran o propio durante anos sobre a poboación rusa do Donbass e agora Novorrosiya de facto. A súa presenza física, de negro mussoliniano, representou un insulto ás vítimas do fascismo e á memoria europea.

Comentarios