Opinión

Lula

A del é unha historia de tenacidade e dun liderado fornecido desde abaixo co obxectivo redentor de dignificar as maiorías populares das que provén. De superación de adversidades políticas e vitais (golpes de Estado, cárcere, perdas familiares...) e de loita incansable por un Brasil, unha América do Sur e un mundo que erradiquen a fame. Polas vías democráticas, como soñara Allende. Aquel xigante económico xoga un rol crecente desde hai lustros como relevante actor internacional, salvo no período fascio-bolsonarista. É un líder que berra no deserto cando é preciso e difícil, mais non por iso deixa de facelo: afeito a pelexar a verdade pola Vida coñece as mil artimañas do Goberno estadounidense como tamén o fan Cuba, Venezuela ou Bolivia. Por iso e porque preside un Estado soberano pode dicirlle aos pobos do mundo que non entende por que os hai obrigados a soportar a ditadura do dólar ou a coerción das draconianas sancións; pode ademais manifestar non sentirse preocupado polo que pensen del en Washington cando está en Beijing e viceversa: defende intereses do Brasil desde unha óptica multilateralista, neutral-antibelicista e de xustiza social. 

Ou afirmar rotundamente que o becerro de ouro da industria militar estadounidense, Zelensky (e antecesores), é tan responsable da desfeita bélica no leste europeo como poida selo o poder ruso mentres defende unha democratización das institucións de gobernanza global baseadas no espírito da Carta da ONU e non nas cínicas "regras" unilaterais imperialistas, onde as economías emerxentes asuman o peso político que corresponde. Tamén acusar aos EUA e á UE de alimentar o conflito, esixindo que deteñan o envío infinito de armamento e morte. E faino porque é valente e ten autoridade moral ao presentar unha traxectoria de honradez, coa arrogancia de clase que orgullosamente exhiben os pobos do Sur se os asiste a Razón: historicamente colonizados, marxinados e hoxe dispostos a arredarse do estigma e das cadeas. Esixen facelo en pé de igualdade.