Cae a cortina
Coa mudanza de facción na administración da república oligárquica estadounidense (máis claramente antidemocrática e plutocrática agora do que nunca) sentíronse xa nas primeiras semanas cambios de criterio na nova orientación estratéxica daquela potencia no marco do actual contexto de crise de orde internacional. Persistindo certas continuidades percíbese mellor agora que a prioridade predominante do gabinete demócrata saínte baseábase no clásico recurso ás guerras e intervencións por medio de sancións económicas, combinadas cunha forte presión ideolóxica fundamentada na pretendida excepcionalidade e superioridade de valores, mentres que a equipa de Trump proponse acometer unha intensa revolución ultra-conservadora no interior aplicando cara ao exterior unha política comercial proteccionista que incorpore fortes ameazas e coerción sobre os seus principais veciños e "aliados". Nesa liña atribúese a Kissinger a frase "ser inimigo dos EUA é perigoso, pero ser amigo é fatal" e podemos afirmar que esta fórmula realista preside hoxe as máis altas esferas do poder político e económico de Washington.
A decisión federal de periclitar a "axuda exterior" a través da Axencia Usaid manifesta xa consecuencias nalgún aspecto: múltiples portais web e "medios de comunicación independente" ucraínos vense na obriga de pechar a actividade (propagandística) desenvolvida alí nos últimos anos ao non poder sosterse economicamente. Vemos algúns efectos colaterais disto na (des)información que recibimos polas canles habituais: as "tropas norcoreanas" que ninguén viu e que ninguén gravou (supostamente despregadas por milleiros na fronte de Kursk), contra as que ninguén combateu nin matou ou capturou e das que ninguén ten proba medible e obxectiva da súa presenza estarían sendo "retiradas" neste intre debido ás "catastróficas baixas" recibidas; sempre segundo testemuñan as "fiables fontes" tratadas por aqueles que foron explicando o conflito do Leste da maneira máis "veraz e imparcial".