Opinión

Ucraína

O conflito entre Rusia e Ucraína parece que vai amargar o comezo do ano, como apuntou o outro día Alberte Blanco nestas páxinas. En principio o que debería ser visto como un conflito afastado no que cadaquén simpatizaría máis ou menos con algunha das partes pode ser que nos afecte dada a presenza de asesores militares da NATO  en apoio do goberno da Ucraína e as declaracións do secretario xeral da NATO (logo matizadas polo goberno Biden) de que a organización militar na que os galegos estamos encadrados o ampararía de ser necesario. Tampouco a millonaria axuda militar que se lle está a prestar a ese país tranquiliza moito. As fontes militares incluso apuntan as datas máis probabéis para o ataque ruso. Quero pensar que non se vai chegar a un conflito bélico xeneralizado, máis moito temo que dun bo paquete de sancións non nos vai librar ninguén. A última confrontación pola cuestión de Crimea, rematou sendo pagada (entre outros) polos gandeiros galegos que viron o prezo do leite derrubado polas sancións rusas en resposta as  previas sancións dos países da NATO.

Falta saber a quen lle tocará esta vez pero seguro que algo toca. O conflito non se debe tanto a un mal deseñado proceso de disolución da antiga URSS, que como xa se sinalou decorreu non sobre bases nacionais senón sobre a realidade das antigas repúblicas soviéticas que en moitos casos eran tamén plurinacionais, senón pola falta de humildade en política exterior dos USA e seus aliados que buscaron estender a NATO dentro do espazo da antiga URSS, incumprindo as promesas feitas ao respecto. O territorio de Rusia, grazas as chamadas Revolucións das Cores foi rodeado de repúblicas satélites do goberno norteamericano sendo o último chanzo o golpe de estado posmoderno levado a cabo fai algún anos que derrocou ao presidente prorruso para ser substituído por un próximo aos occidentais. Digo postmoderno porque a técnica do golpe de estado modernizouse moito nos últimos anos e as vítimas deles pasan por agresores e os golpistas por demócratas. Nada que ver co recente de Birmania, moito máis brutal e co apoio de tanque. Isto amosa que no país asiático aínda moito terían que aprender nesta vella arte política para acadar a máis sofisticada tecnoloxía occidental.¡ Pero claro ao goberno ruso non lle debeu facer moita graza ver como parte do seu territorio tradicional, poboado por xentes de fala e cultura rusa aliñado coas potencias da NATO e reaxiu no Dombás e na Crimea con conflito bélico no primeiro caso, que é a orixe da actual tensión, e coa anexión no segundo dando lugar a unha espiral de sancións e represalias mutuas, iniciándose unha nova sorte de guerra fría, non tanto no bélico como no económico, no político e, incluso, no cultural, con acusacións mutuas de desestabilización a través do uso da desinformación e as chamadas fake news que presuntamente alterarían procesos electorais no caso dos rusos e coa promoción da disidencia e mobilizacións populares no espazo ruso por parte dos aliados occidentais. Moitos destes problemas débense a propia existencia de organizacións internacionais do estilo da NATO pois en vez de resolver os problemas os agrava. O normal sería que ucraínos e rusos, que se coñecen ben uns aos outros, chegasen a algún tipo de acordo que garantise a neutralidade futura da Ucraína, de tal forma que esta non representase una ameaza ao goberno ruso. Pero as ambicións da alianza e o feito de que o goberno ucraíno se sinta apoiado fai que este acordo non chegue adiante, e favorece tamén que este adopte posicións maximalistas na negociación ao ter unha capacidade de presión da que carecería noutras circunstancias e reclame unha man dura que por si non podería demandar. O feito é que unha vez máis os galegos vémonos enleados en cuestións que pouco nos afectan e nas que nada temos a gañar e si moito que perder.

BO NATAL

Comentarios