Opinión

Golpes de estado

O corenta aniversario do Golpe do 23 de febreiro volveu colocar na axenda dos medios o debate sobre as causas e consecuencias de tal acto. Políticos e xornalistas lembraron as súas impresións sobre o acontecemento e discutiron sobre quen puideron ser os seus instigadores e quen poderían ser os beneficiarios no caso de este triunfar, se é que non fixo, claro está. De ser un golpe convencional está claro que fracasou, de ser un autogolpe, como se ten insinuado algunha vez, ao estilo do que fixera uns anos antes De Gaulle está claro que triunfou, e da mellor das formas pois pasaría por todo o contrario e a poboación non se tería decatado. Tamén puido ser as dúas cousas ao tempo, como se di que aconteceu hai uns anos en Turquía cando se aproveitou o golpe previo (do que os gobernantes estaban informados) para lanzar un contragolpe desde o poder. En calquera caso intúo que isto se saberá a ciencia certa co tempo, en cando desaparezan todos os posíbeis implicados.

Máis tamén o aniversario debería servir para manter activa a alerta contra posíbeis golpes de estado futuros e tamén para reflectir sobre a propia figura deste fenómeno, omnipresente na historia política humana desde Julio César ata o último exemplo da semana pasada en Myanmar pasando por Napoleón e todos os innumerábeis golpes e pronunciamentos no mundo hispano. O golpe, en todas súas formas como o putsch, o golpe de palacio ou o autogolpe e o “pronunciamento”, foi sempre unha acción áxil e executiva dirixida a tomar rapidamente o poder usando o mínimo de violencia posíbel, e de feito canto máis rápido sexa e menos violencia use máis exitoso será considerado. Como toda técnica política, esta evoluciona e perfeccionase co tempo e faise cada vez máis indistinguíbel da política común. É máis, a diferenza do pasado, a maioría dos golpes modernos non son percibidos como tales. Ao contrario percíbense como instauracións ou restauracións de réximes democráticos supostamente pervertidos por elites corruptas. As revoltas do Maidan ucraíno foron moi probabelmente instigadas para derrocar un presidente aliado dos rusos electo democraticamente e pór no seu lugar políticos “europeístas”, da mesma forma que se fixo nas revoltas de forma imaxinativa bautizadas co nome de flores e froitas levadas a cabo en varios países do vello espazo soviético. Da mesma forma, as primaveras árabes (instigadas en boa medida pola Administración Obama e especialmente pola súa secretaria de estado) usaron modernas técnicas de axitación informática combinadas con apoios desde o exterior para derrocar as vellas elites e substituílas por outras máis afíns, ata que se decataron de que estas experiencias fallaban (como en Exipto) e decidiron deixalas como estaban antes, co intermedio dun par de cruentas guerras. En América Latina tamén se deron golpes deste estilo contra gobernantes molestos en Honduras, Paraguai e Guatemala, todos triunfantes, con violencia mínima e percibidos como restauración.

Os golpes abundan na nosa contorna e son quizais os que máis deban preocupar, pois son incruentos e non percibidos como tales. Italia é, se cabe, onde se practican con máis estilo e onde son tecnicamente mellores, pois conta cunha probada tradición de substituír gobernantes electos democraticamente por tecnócratas escollidos no seo dos altos poderes europeos. O último, hai uns días e sen escoitar un chío, co consenso de todas as forzas de dereita a esquerda e co apoio da presidencia da república (curiosamente a monarquía protexe destas manobras o carecer de lexitimidade para promover ou quitar gobernos). Non se podería ter feito mellor. Está ben lembrar os golpes do pasado pero hai que estar tamén atentos aos do presente, que son moito máis sofisticados.

Comentarios