Opinión

Por agora non queren que esteamos cómodos

Durante décadas, os independentistas dos nosos países expuxeron un debate que non remataba nunca: "Esforzarnos en mellorar España ou marchar".

Recordo que un alto responsábel de CIU, estando xa en marcha o pròces catalán, explicou así o xiro do seu partido cara á independencia: "Durante décadas traballamos para mellorar a democracia española, pero ao ver que é imposíbel cambiamos a nosa estratexia".

Esta semana soubemos que o Congreso español rexeitou a proposición non de lei para fomentar as linguas minorizadas. Foron dez os partidos políticos que ofreceron o seu apoio parlamentario á petición realizada por agrupacións sociais que traballan en defensa da normalización das linguas propias dos cidadáns que temos pasaporte español. A proposición orixinal foi rexeitada, como era de esperar.

Comentamos moitas veces que uns modestos xestos das estruturas do Estado serían suficientes para que moitas sensibilidades das nosas tres nacións se integrasen comodamente; bastaría cun verdadeiro recoñecemento das nosas linguas, mostrado con total serenidade. Mais para iso necesítase vontade.

En que empregar os esforzos? En conseguir outro escenario político, ou en mellorar o actual?

Os últimos anos algunhas desas estruturas empregan as nosas linguas en moitas das súas comunicacións coa cidadanía, e non por iso se fundiu o bronce dos leóns do Congreso.

Mais, en que empregar os esforzos? En conseguir outro escenario político, ou en mellorar o actual? Esas dúas opcións son contraditorias, incompatíbeis, ou, pola contra, son complementarias? Os resultados poden variar dunhas eleccións a outras, mais entre a cidadanía española e moitos medios de comunicación está moi enraizada a idea de que o esquema das autonomías foi demasiado lonxe. Vimos que ocorreu coa xestión da pandemia: en canto se atomizou o poder para tomar decisións, moitos alzaron a voz e denunciaron que iso traería o caos.

Algún día xurdirá unha estratexia política cuxo obxectivo sexa que nos sintamos cómodos en España, mais pode que xa sexa tarde para reaccionar.

Comentarios