Opinión

Vivamos como galegos

Nun dos soportais do Centro de Saúde onde traballo, dorme de maneira habitual un home de mediana idade. Cando chego antes das oito da mañá xa ten recollida e cargada a súa cama improvisada, nun carro da compra que emprega como maleta con rodas. Deixa sempre nunha esquina unha manta de retallos como reserva para a noite seguinte. No día de hoxe sumouse nesta hospedaxe ao aire libre outra persoa acubillada nun saco de durmir. Descansa a carón da porta de entrada, xusto aos pés dunha ringleira de homes e mulleres que agardan para realizar os controis analíticos de primeira hora. O termómetro arrefriado marca seis graos na capital. O discurso dos medios que alimentaba a aporofobia desapareceu da axenda da cidade dende 2019. Se non hai noticia, non hai problema. O proxecto dun centro de atención integral as persoas sen fogar, impulsado polo anterior goberno municipal, hiberna nun caixón do Pazo de Raxoi xunto a un millón de euros de fondos europeos obtidos para garantir a súa construción. A beneficencia sempre ten un prezo e este póñeno os cómplices.

Cincuenta pacientes na consulta da xornada, a maioría deles presenciais. Diferentes problemas de saúde condicionados pola situación económica sobrevoan en gran parte das conversas. O escudo social non semella suficiente no contexto dunha pandemia que parece non ter fin.

Remato a xornada indo facer a compra semanal preto da casa. Cando vou pagar entréganme un vale para participar nun sorteo. O efecto chamada do premio fica lonxe da vella normalidade onde o habitual era unha viaxe, unha vaixela cara ou un electrodoméstico. Nesta ocasión, o supermercado que nos convida a vivir como galegos obsequiará o vencedor co pago no seu domicilio de tres meses de luz nun país que case podería ser autosuficiente coa enerxía que produce. Atendo canso ás explicacións dunha caixeira tamén cansa ao carón dun carro da compra diferente ao da primeira hora, rexeito o convite a participar cun sorriso agochado na máscara, mentres o ar semella impregnarse dun estoupido que desfai a organización das cousas.

Comentarios