Occidentais, orientais
Somos occidentais? Oriente e Occidente son termos xeográficos e tamén representacións sociais, etiquetas ideolóxicas utilizadas polo colonialismo para discriminar. Sorprende, nas conversas con colegas europeas, de universidades ou escritoras e escritores, a súa firme convicción de seren "occidentais", de que o seu país está máis ao oeste. Sobre que Fisterra é máis occidental, se o noso, na lonxitude 9º16'20'' O ou o Finistère bretón, na 4º, tiven hai anos, antes dos móbiles "intelixentes", unha retesía cun francés que se resolveu consultando un mapa. Isto, malia recoñecer que o verdadeiro Fisterra galego é Touriñán, 9º17'56'', e que o punto máis occidental de Europa continental é o Cabo da Roca en Portugal, 9º30'02''. As diferenzas entre Fisterra, Touriñán e o Cabo da Roca son pequenas, non así co Finistère. Hai uns días, en Finlandia, a conversa iniciouse coa afirmación de que o seu país, e Escandinavia toda, está ao oeste de Galicia e España. O meridiano de Greenwich pasa por Ordesa e Castellón, no leste, dixen eu, e todo o resto da península está ao oeste. E nós, máis ao oeste, dixeron eles. Unha rápida consulta ao móbil revelou que a lonxitude de Helsinki é 24º56' L. Por iso están unha hora por diante.
Claro que noutros tempos, até 1884, había moitos meridianos cero, ademais do británico o de París, o de Madrid ou o de Moscova. Tomando este último como referencia, Helsinki fica ao oeste. O certo é que os únicos países "occidentais" de Europa son Islandia, Irlanda, Portugal e España. Mais no imaxinario europeo a liña entre Oriente e Occidente pasa máis ou menos polos Balcáns. Lembremos, en todo caso, que é unha convención, como tantas.
Trump non le este xornal, e non hai medo de que decida mudar o meridiano cero ao seu rancho. Calquera falcatruada é posible despois de dicir que Prevost é o primeiro papa "americano". Eu son oriental e occidental, mestiza.