Opinión

Margarita Ledo: nosoutras somos Nación

Hai unha frase crucial na película de Margarita Ledo: “sobordar a cerca fainos nación”. A miña ollada queda prendida nela, pois todo o filme é un berro que, como o aturuxo sobre os cons de Mónica de Nut, expresa as achegas das mulleres á construción da nación, e o moito que nos costou. Expresa, como di a cineasta nunha entrevista, que “as mulleres nunca tiveron onde berrar”. Margarita Ledo leva moitos anos empeñada en facer oír ese aturuxo das mulleres, así A cicatriz branca pescuda nas emigradas galegas na Arxentina, unha historia da que non había imaxes. Pois as contribucións das mulleres foron borradas das crónicas, dos libros de historia, tanto as de mulleres en postos de poder –penso na imaxe da raíña Urraca, espida, arrastro polas rúas de Compostela, unha metáfora–, como as mulleres asasinadas, aldraxadas e represaliadas polos franquistas: “Elas somos nós” di Mónica Caamaño, recitando os seus nomes, mentres coa fouciña, abre camiños no mato. Camiños que outras mulleres encetaron e nosoutras debemos seguir, pois a loita continúa.

Os filmes de Margarita Ledo teñen a capacidade de subverter os discursos máis habituais, neste caso o sindical. Pois o borrado das mulleres efectuouse tamén nun relato do sindicalismo no que só ficaron inscritos nomes masculinos. Nunca se repetirá abondo que a independencia económica das mulleres, o traballo remunerado –até 1975 precisaba a autorización do marido, a chamada licenza marital– é un chanzo indispensábel no camiño da emancipación, da igualdade, da construción da identidade. A testemuña de Nieves Lusquiños é reveladora; dirixíndose ás mulleres: “Nunca traballedes gratis, por favor. A la mierda!”. As mulleres seguen traballando gratis, porque as tarefas da casa, os coidados, atribúense a elas, considérase que temos máis deberes que os homes. A resistencia dos homes a perder os seus privilexios reflíctese na película, non só na fenda salarial, en Pontesa, como en tantos lugares as mulleres cobraban menos polo mesmo traballo, senón tamén no modo en que os homes chegan a se aliar coa patronal para botalas da fábrica. 

Hai máis fíos en Nación imposíbeis de tecer neste curto espazo: como o capitalismo vai destruíndo tecido produtivo e converténdose en pura especulación; o ímprobo traballo que supuxo recuperar gravacións das loitas de mulleres dos arquivos, que non están accesíbeis; a música de Mercedes Peón. Somos nós, somos elas, somos nación.

Comentarios