Opinión

Brasil: a felicidade compartida

A cultura da felicidade compartida vívese no Brasil. Tomo esta idea da felicidade compartida de David Graeber e David Wengrow no seu radical libro O amencer de todo. Traballando coa comunidade de didáctica das ciencias de Belo Horizonte, Rio de Janeiro ou São Paulo, coas amizades brasileiras da literatura, tiven a fortuna de vivir esa experiencia. Maniféstase nas sesións de música improvisadas á fin dunha xornada de intenso traballo, nas feijoadas colectivas, nas camiñadas polo monte ou a "mata" as fins de semana, mais non só. Respírase no ambiente. Combina coas mobilizacións sociais.

A felicidade que comparto hoxe con Brasil é a da elección de Lula da Silva, a derrota do populismo de extrema dereita. Xa dixera el en 2002 que a esperanza tiña vencido o medo. Hai ledicia en que por vez primeira un obreiro chegase á presidencia do Brasil, seguida en 2006 pola elección en Bolivia de Evo Morales, primeiro presidente de orixe Aimara, en 2010 pola do antigo tupamaro, preso durante quince anos, Pepe Mujica en Uruguay, quen demostrou que se pode exercer a presidencia e vivir austeramente na mesma casa de toda a vida. E en 2022, despois das mobilizacións que sacudiron Chile, Gabriel Boric e o seu proxecto dunha nova constitución e mudanzas que desartellen as estruturas herdadas do experimento neoliberal e a ditadura.

No seu discurso Lula situou como obxectivo a deforestación cero na Amazonia, "vivir sen cortar unha árbore", a agricultura sustentábel, unha industria máis verde; contra as mentiras, propuxo o acceso á información fiábel. Anunciou a creación do ministerio dos pobos indíxenas para revogar as inxustizas cometidas contra eles.

Acompañan a Lula nos ministerios: en cultura –desaparecido con Bolsonaro– a música Margareth Menezes, que colaborou con Ponte nas Ondas, cantando "Portugaliza" xunto a Uxía. Un dos seus nomeamentos é o de Marco Lucchesi, poeta, ensaísta, anterior presidente da Academia brasileira para a Biblioteca Nacional. En medio ambiente a ecoloxista Marina Silva; en saúde a científica Nisia Trindade, o filósofo afrobrasileiro Silvio Almeida en dereitos humanos, a activista Sônia Guajajara no dos pobos indíxenas, a feminista Cida Gonçalves das mulleres e Anielle Franco de igualdade racial.

Que a alegría de hoxe, finalizou Lula, sexa a materia prima da loita de mañá, de todos os días que virán. Sabe o presidente que a ledicia, a felicidade, pode ser o vento nas velas da loita.

Comentarios