A Terra do Medio
A Terra do Medio. A Terra. O Medio, o medio de Galicia, no medio e medio do noso corazón, o ambiente. Ante a ameaza, fronte ás escuras sombras de Altri ameazando a Terra do Medio, estamos coa Terra. Porque amamos a Terra do Medio: a Ulloa, o Deza, a Terra de Melide, Arzúa. Talvez puidese falar do escándalo da semana, a Declaración de Impacto Ambiental, DIA que, ignorando todos os datos, abre o camiño á pasteira. De como se privatizaron, en 2023, os trámites de impacto ambiental, privatización que acaba de ser anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. De como se deron pasos, desde moi atrás, para deixar sen protección a Zona Especial de Conservación da Serra do Careón: o que en 2011 estaba proposto na ampliación da Rede Natura, e en 2022 como zona de amortecemento –zona tampón– de repente en 2025 pasa a ser considerado zona industrial. Os mapas próbano: Adega e a Sociedade Galega de Historia Natural denuncian a aprobación, en febreiro, dunha versión da Infraestrutura Verde de Galicia diferente da sometida a información pública. De como se ignora o informe do Consello da Cultura Galega. Escribir de todo iso e non acabaría nunca.
Mais do que quería falar é da beleza da Terra do Medio, do tecido de pequenas e medianas empresas agrícolas e gandeiras empeñadas en demostrar que as aldeas e as vilas poden ter futuro, do mel e o leite ecolóxicos, dos regos onde os miúdos anfibios, limpafontes, ras, sapiño raxado, saramaganta galega, encontran un dos seus últimos refuxios. Das rochas ultrabásicas, das serpentinitas, das anfibolitas, nun afloramento singular; ben sei que as rochas non suscitan as mesmas emocións que os animais, mais son fermosas. Do lagarteiro e o falcón, a papuxa e a gatafornela. Da vacaloura e do morcego. Dunha paisaxe única en risco de ser estragada pola cobiza. É esa Terra do Medio, esa paisaxe, ese tecido o que cómpre defendermos.