Todos os días do libro
A semana pasada celebrouse o Día do libro e novamente os medios puxeron o foco en títulos e recomendacións. Como é habitual, se atendemos ás cifras de lectura en galego e ao contexto social xeral da lingua, as autoras galegas seguimos sendo invisibles. Nesa invisibilidade falamos a miúdo dos factores externos (falta de apoio institucional, falta de espazos nos medios de comunicación), pero con menos frecuencia comentamos os internos.
En xeral, que sigamos escribindo e sendo lidas semella por momentos un milagre. Para empezar, no noso sistema aínda son poucos os espazos que remuneran o traballo creativo. Agroman agora as residencias literarias, mais non sempre son compatibles con outras obrigas, ademais de estaren polo momento concentradas en moi poucas mans e institucións. Logo de escribir, de ter a fortuna de atoparmos editora, cómpre navegar por máis dificultades, dende editores que non pagan (que no noso sistema algún hai) ata unha estrutura de crítica e premios na que as eivas son numerosas, sen ir máis lonxe a presenza aínda maioritaria de homes dunha certa ideoloxía e condición nos espazos da crítica ou a escaseza de premios para obra publicada que inclúan remuneración.
Tras todos estes traballos, o milagre continúa nun traballo que non ten nada de esotérico senón que se basea no activismo de profesorado, bibliotecas e movementos culturais. O curioso é con que frecuencia esquecemos o activismo incesante das propias autoras, algo que leva a interrogar en quen recae e en quen debería recaer o traballo de socialización dos libros. Se consideramos que a persoa que escribe o libro percibe, con sorte, un 10% do seu prezo, deberiamos de pensar ata que punto o esforzo promocional debería recaer nelas na medida que adoita ser habitual. Secasí, sabemos que con frecuencia as editoras galegas non teñen capacidade (económica ou humana) para acompañar os libros, mais isto non exime de reflexionar sobre as condicións materiais das creadoras e os esforzos que se nos fan precisos para que os libros cheguen ao seu público.
Cando se fala de que non podemos vivir da escrita, tendemos a pensar só nas vendas e non tanto no resto de condicións. Hai compañeiras que tiran pola autoedición ou abandonan. Outras seguimos polo afán de crear comunidade, aínda que hai días nos que continuar se fai difícil. Mais é neses días nos que, malia a todo,resistimos, nos que celebramos o libro.