Problemas (irre)solubles

Na vida non é infrecuente que se nos presenten problemas irresolubles. Dende aqueles que teñen que ver coa saúde aos que pasan polas relacións persoais ou as carencias materiais. Como sociedade, porén, cando algo acontece de xeito repetitivo, cómpre pensar se o problema é irresoluble ou se non interesa resolvelo.

No verán, como catástrofes paralelas, atopámonos un ano máis ante a desolación dos asasinatos machistas e a devastación incendiaria. Por moi distantes que poidan parecer ambos fenómenos, ambos teñen moito en común. Para empezar, que son a punta dun iceberg.

Tanto a violencia machista coma os incendios parten dunha sociedade e uns poderes políticos, como vimos coas declaracións do Director de Violencia de Xénero da Xunta, que se negan a asumir a responsabilidade. Nos dous casos cómpre un cambio radical do entendemento dos xéneros, individual e colectivamente, e da relación entre persoas, políticas e medio.

En ambos casos, tamén, temos expertas e coñecemento suficiente para saber que facer (ou, polo menos, que non facer), mais contemplamos como seguen sen introducirse as medidas e os medios aos que todo apunta como necesarios para resolver o problema. No caso da violencia de xénero, o reforzo constante de identidades binarias en relación desigual arrasa coma as plantacións de eucaliptos que, a un ritmo cada vez máis frenético, invaden hectáreas e máis hectáreas do noso territorio.

A transfobia, o racismo, o sinalamento da Outra prenden ante unha falla de implicación social nun terreo ermo igual ca os lóstregos das treboadas secas que, co innegable cambio climático (outra catástrofe producida por certos seres humanos e as súas políticas), se unen á man incendiaria coñecida, alimentada por intereses de lucro e capital.

Ante este panorama tan desolador nos dous casos, chega un punto en que non sabemos nin que facer nin que dicir. Porén, por moito que invoquemos poderes maiores e que nada os exima da súa responsabilidade, cómpre lembrar que cada unha de nós podemos facer do problema irresoluble ou solventable. Todas as persoas establecemos relacións con outras, todas apoiamos ou subvertemos os réximes de xénero existentes a cada paso, todas nos relacionamos co medio natural, todas temos capacidade para unirnos ás colectividades dende a Plataforma Ulloa Viva ata a poboación de Chandrexa da Queixa para poñer freo aos intereses que manteñen o problema irresoluble.

Comentarios