As palabras e os corpos
A semana pasada tiven a sorte de conversar con Ibai Atutxa e Cira Crespo en Bilbo sobre o meu ensaio A casa do amo, que defende que somos as nacións sen estado quen temos, grazas á nosa posición gonzo, maiores posibilidades de establecer alianzas con outras non hexemonías sempre e cando revisemos a nosa participación na práctica e discurso colonial. Este é un camiño de autoanálise que hai tempo que está en marcha en Euskal Herria e no que nos van a supervivencia e os dereitos humanos máis básicos.
Porén, pola nosa propia posición, hai sectores para os cales esta mensaxe resulta difícil. A min sempre me sorprende a xente branca que se sente agraviada cando unha persoa racializada expresa sentirse excluída dun proxecto político ou dun espazo comunitario. Igual que non pode haber paz sen que se recoñezan torturas ou o xenocidio da guerra civil, tampouco pode haber alianzas sen que se recoñeza que as nosas cidades están construídos sobre a escravitude e o espolio tamén discursivo.
O primeiro paso para a xustiza é admitir o dano alleo (que non invalida o dano propio, máis ben reforza as vías para superalo). Cando falamos de que as galegas somos responsables das desfeitas de Amancio Ortega polo mundo non é porque este señor nin a súa empresa vaian contribuír a un proxecto nacional galego, mais porque todas as galegas nos beneficiamos, independentemente do noso pensamento político.
Eu sempre poño de exemplo dese sentido de responsabilidade política o Seique, de Susana Sánchez Aríns, onde a autora adopta unha postura ética que parte de recoñecer o dano. Por suposto que ela non é responsable a nivel persoal do que fixo o Tío Manuel, si de poñerse do lado das vítimas. E no discurso colonial, cando poñemos a palabra e o corpo, sabemos que alén das nosas comunidades hai un mundo de violencias impensables onde, a diferenza das que se exercen contra nós, non hai contrapartida nin beneficio.
Durante o debate de Bilbo, un home interpeloume para preguntar se eramos as galegas por acaso responsables de Franco ou da violencia estatal contra os movementos políticos vascos. A miña resposta á provocación é que, se cadra si, porque Franco só puido saír dun lugar onde mamamos o autoodio. Mais ser responsable, tamén aí, é habitar a incomodidade e pensar no efecto que a nosa hostilidade á autocrítica provoca en quen está do lado máis vulnerable. Que, vaites! non somos necesariamente nós.