O inicio do cambio

Setembro marca o remate do verán emocional e debe marcar tamén, a partir do día 14, un inicio. Xa non falo só da manifestación convocada en Compostela para garantir que non se esquezan os incendios en canto empeza a chover, senón da importancia de organizarse. Iso de que "só o pobo salva o pobo" (ou o monte) non pode darse sen un traballo de base no que se traballen as desconfianzas e se afonde no esclarecemento dos problemas tendo en conta múltiples visións sobre unha realidade abrasada.

Como contributo, penso que temos que resistirnos a que se fale de lugares "baleirados": en todos habitan seres vivos e en todos reside a nosa identidade e memoria. Ademais, dende un punto de vista planetario sabemos que as zonas rurais (e a situación empeora canto máis lonxe se está dos centros de poder) tradicionalmente son un lugar para a proxección da cobiza do capital, dende o material ata o discursivo, que constrúe as súas poboacións coma obxectos e non coma suxeitos pensantes e con coñecemento.

Son moitas as veces que teño falado da importancia de desfacernos da nosa mentalidade colonial e racista e buscar as solucións en quen ten moita máis pericia e experiencia en manexar as crises ca nós. Así, os procesos participativos que aprendemos das compañeiras do Sur deberían de ser referente para nós neste momento, porque elas pasan por incendios, terremotos e situacións de espolio e explotación extrema que son capaces de deter organizándose de xeitos efectivos.

Por iso, neste intre no que algo novo debe comezar, quero estender a miña man a todas as comunidades, grupos, veciñanzas e colectivos organizados que queiran achegarse a procesos que nos dean a esperanza de construír unha sociedade onde a catástrofe incendiaria non poida producirse.

Dende o ano 94 teño a sorte de compartir tempo con activistas, en particular do sur da India e das Filipinas, que desenvolveron metodoloxías endóxenas coma o PRA (Participatory Rural Appraisal, avaliación rural participativa) para, con métodos moi superiores ás metodoloxías académicas occidentais, concitar consensos e provocar cambios políticos. Dende esta columna convido a calquera asociación, agrupación ou colectivo que queira coñecer esta forma de traballo a que me envíe unha mensaxe por redes sociais ou nos comentarios desta peza na versión dixital do xornal. Porque precisamos unha colectividade que pense en profundidade e que actúe con eficacia.

Comentarios