Estados de pánico
Dende sempre me chama atención o paradoxo: semella que canto máis nos venden que estamos "conectadas", máis desconexión parecemos experimentar co mundo que nos rodea. O apagamento da pasada semana deu boa conta deste fenómeno.
Non é ningún misterio que a cidadanía dos países occidentais depende cada vez máis da electricidade e que co afán de "electrificalo" todo semellamos esquecer que producir corrente ten un custo ambiental enorme. Ninguén dubida de que a electricidade é un avance vital para a humanidade, mais na lóxica capitalista, o uso común desaparece cando hai un interese económico polo medio. É así que moitas cousas que non ten ningunha lóxica deixar de facelas de xeito manual (por poñer un caso, espremer as laranxas para o zume ou usar as escaleiras a menos que vivamos nun piso moi elevado ou teñamos limitacións físicas por outros motivos) son agora tamén pasto da moda eléctrica. Xa que vou dicir do uso indiscriminado de ferramentas como a IA ou o almacenamento na nube, que como non vemos semella que non ocupa. A electricidade precisa do enfoque do decrecemento dende os xestos máis pequenos (apagas as regletas da casa? Se a resposta é non, xa tes un punto de comezo).
Está claro que, malia todo, a acción individual só chega a un certo punto e que na maioría dos casos os usos eléctricos teñen que ver con modos de vida que se nos propoñen sen máis interrogante. Como dicía, esquecemos que hai poucos anos gran parte da poboación galega non tiña un acceso tan amplo á electrificación, de feito na miña casa había un pequeno dispositivo de madeira con candeas na cociña que tiña inscrita a frase: Foise a luz! (por certo, un dos meus obxectos favoritos). Esquecemos tamén que, segundo estatísticas do Banco Mundial, a maioría de países da África Subsahariana ten unha cobertura eléctrica que malamente chega ao 50% da poboación. Nalgúns, como Burundi ou Burkina Faso, a porcentaxe descende ao 11 e ao 21% respectivamente.
Mentres noutros países a desconexión é unha normalidade, aquí a falla de electricidade provoca un estado de pánico sen precedentes. E todo isto non é para defender que se volva á escuridade, porque coñezo ben o que esa falta de acceso á electricidade significa para as persoas, mais si que cómpre unha reflexión máis global sobre o uso que facemos dun recurso ao que algunhas accedemos por enriba das nosas posibilidades para detrimento doutras e do medio natural.