Espazo político
Son moitas as ocasións nas que me teñen preguntado por que dedico tanto espazo ao deporte na miña escrita. A presenza das mulleres no deporte e do deporte na vida das mulleres non é algo tan trivial como pode semellar. Para empezar, calquera espazo social que teña que ver co lecer dende o punto de vista da exploración do potencial físico está reservado á masculinidade. Que un home saque tempo para ir xogar a pachanga cos amigos, ou para ir ao ximnasio, non se ve como un luxo ilícito que rouba tempo de estar atendendo outras obrigas. No caso das mulleres, igual que acontece coa escrita, os espazos propios de benestar deben ser sempre roubados e xustificados.
A domesticación social das mulleres como suxeito colectivo pasa pola domesticación social dos nosos corpos, por facernos crer que o deporte é só un espazo para adelgazar, cara cumprir coas expectativas patriarcais da “beleza” e non un lugar onde sermos fortes, potentes e onde conectar cos nosos corpos dende o positivo. A mensaxe é demasiado revolucionaria, claro está, sobre todo porque leva a reconsiderar todo adoutrinamento sexista e racista sobre a suposta inferioridade dos corpos “femininos”. Tamén é por iso que os espazos deportivos regrados, dominados por homes, poden ser lugar de tremenda violencia no seu afán de excluír as mulleres que sobresaen por excepcionais, algo que no caso dos homes, precisamente, se premia. Xa non digamos a exclusión que se exerce contra aquelas (nunca aqueles) que ocupan corpos trans ou disidentes.
Calquera muller que practicase deporte sabe que é un espazo profundamente político, xa non digamos aquelas que están no profesional e no público. O traballo de décadas das xogadoras de fútbol é unha mostra do cambio radical que implica traducir o tradicional “espírito de equipo” da masculinidade á rebeldía das mulleres: unha auténtica transformación social. E non podemos esquecer o fito da velada de boxeo feminino con Katie Taylor e Amanda Serrano como cabezas de cartel de hai só unhas semanas. Ningún destes fitos acontece sen moitos sacrificios individuais por veces extremos, como amosan o asasinato da xogadora de tenis e adestradora Radhika Yaday polo seu pai esta semana ou o da boxeadora palestina Malak Musleh por bombardeos israelís. Porque para as mulleres o deporte é un espazo máis no que seguir decidindo sobre as nosas vidas, no que apoiarnos e facer dos feminismos, inclusión e impulso.