Opinión

O aparente e o importante

Despois dun ano e medio por fin estou de volta en Tiruchy. Cheguei a tempo para celebrar na casa o Pongal, o festival támil da colleita e da abundancia. A cidade está baleira neste día festivo, os complexos e coloridos debuxos dos kolam dan a benvida en cada porta e a pota do "pongal" (o prato que se prepara para celebrar a data) reborda grazas ás mans das mulleres que maioritariamente pasan o traballo de cociñar, aquí e en calquera lugar.

Mentres imos cara á casa observo a ponte nova, os paseos que se fixeron por algúns lugares, o aparente estado de mellora que Modi sementa con cemento dende o Goberno central mentres continúa coa axenda fundamentalista e represiva. Cando estiven no país a última vez, en 2022, 363 xornalistas languidecían nas cadeas.

A (re)presión de Modi oculta outras políticas que se practican nun lugar onde cada estado federal é un país completo. En Támil Nadu (77 millóns de habitantes), o partido nacionalista támil, aconfesional e progresista, Dravida Munnetram Kazhagam introduce reformas que non fican só no aparente.

Por exemplo, por fin acabou co maldito programa de "gastos para matrimonio" que era unha especie de axuda que se lles daba ás rapazas coa idea de "compensar" o dote. As organizacións feministas támiles levaban anos reclamando que se acabase co apoio económico do Goberno á idea de que as mulleres teñen como único obxectivo na vida casar e que o xeito de acabar co dote non é precisamente reforzar a idea de que as mozas son unha carga pola cal a familia debe ser compensada. No seu lugar, o Goberno támil instaurou un programa de apoio aos estudos para nenas e mozas que complementa a gratuidade completa da educación cunha axuda mensual para cubrir gastos que puidesen servir de escusa ás familias para retiralas do ensino.

Como segundo piar, o Goberno introduciu a gratuidade do transporte público para as mulleres, cousa que pode parecer chocante se non consideramos ata que punto o control económico é para moitas mulleres un control da súa propia mobilidade: cando os cartos son da familia, mesmo un billete de bus é algo que tes que xustificar. O terceiro piar é a introdución dun "salario do coidado" para aquelas mulleres que se dediquen de maneira principal a estas tarefas. A simple vista, todas estas medidas poden pasar desapercibidas. Pero no importante, cambian moitas máis vidas ca o cemento e evitan, de paso, a contaminación.

Comentarios