Opinión

Feixoo: De moderado a ultra

Semella que a Alberto Núñez Feixoo non lle sentou nada ben Madrid á vista das declaracións públicas que está a realizar nas últimas semanas. Unhas palabras que ispen un perfil que foi modulando, co paso dos anos, segundo lle conviña. Atopámonos perante un produto cicelado en función das correntes internas do PP e dos intereses electorais.

O PP que renuncia aos votos do centro e que practica o seguidismo co sector ultra do españolismo, competindo con Vox polo votante da dereita máis radical

Aqueles medios de comunicación españois máis progresistas que o cualificaban como moderado asústanse agora co que algunhas xa levabamos anos advertindo. Vemos un Feixoo desbocado, situado coa ala máis radical do partido, ás ordes de Isabel Díaz Ayuso. Un PP que renuncia aos votos do centro e que practica o seguidismo co sector ultra do españolismo, competindo con Vox polo votante da dereita máis radical.

Feixoo estase a converter nunha caricatura. Tamén se apunta ás teorías da conspiración, como no seu día fixeron Donald Trump -apelando a un suposto roubo nas votacións dos EUA- ou Jair Bolsonaro -co mesmo discurso que Trump a respecto das eleccións e negando a pandemia da Covid-19-. O presidente do principal partido da oposición no Estado español dixo esta semana que hai indicios de que existe un plan para alterar a convivencia democrática que contempla a constitución e sinalou que estamos ante o primeiro Goberno "intervido polos inimigos" da sacrosanta carta magna. Non lles lembra á confabulación xudeo-masónica que tanto obsesionaba a Franco?

Mais non ficaron as palabras aí. Feixoo volveu pórse en evidencia ao negarse a condenar o intento de golpe de Estado dos bolsonaristas no Brasil. De feito, chegou a comparar o asalto ás tres sedes dos poderes brasileiros -executivo, lexislativo e xudicial- coa protesta "Rodea o Congreso" decorrida en Madrid en 2012. Unha mobilización que estaba autorizada, que foi rota pola Policía e cuxa causa foi arquivada pola xustiza. Unha mobilización que non puxo en perigo a democracia e que non trataba de ocupar o Congreso. Así o recollía a propia sentenza coa que se lle deu carpetazo ao caso.

Comentarios