Opinión

As evidencias do 23- F

Continúa coleando o 40 aniversario do golpe de estado do 23-F, unha operación política impulsada para blindar o texto constitucional, lexitimar a monarquía, acoutar os límites do proceso autonómico e excluír do campo de xogo as forzas políticas que defendían unha alternativa de ruptura.

No ámbito da política internacional, coñecemos as consecuencias: favoreceu de maneira decidida unha maior integración na lóxica atlantista, certificada coa inmediata incorporación do Estado español á OTAN. No ámbito da política estatal, promoveu todo un paquete lexislativo recentralizador e represivo, cuxos exemplos máis evidentes son a Lei orgánica de harmonización do proxecto autonómico, as primeiras normativas do estado de excepción, sitio ou alerta e a Lei de defensa da Constitución, que tipifica penalmente os delitos de rebelión.

Consolidouse o triunfo da operación de reforma e aínda a día de hoxe continúa vixente o programa político do 23-F

As motivacións do 23-F apenas se apartaron das tentativas golpistas dos últimos 170 anos. Velaí o caso da xeral Pavía, cando o 3 de xaneiro de 1874 ocupou o Congreso polo xiro federal da I República. Tamén o levantamento de Primo de Rivera, seguindo as indicacións de Alfonso XIII, na noite do 13 de setembro de 1923, só un día despois da firma da Tripla Alianza entre nacionalistas cataláns, galegos e vascos co obxectivo declarado de pór freo ao "separatismo". Unha tese semellante á defendida polo xeneral Sanjurjo o 10 de agosto de 1932, cando se sublevou contra a II República en resposta ás concesións de autonomía a Catalunya. Tamén parecida á do 18 de xullo de 1936, -só dous días despois da presentación do estatuto galego nas Cortes- que trouxo consigo 40 anos de ditadura.

Tras a morte de Franco, consolidouse o triunfo da operación de reforma e aínda a día de hoxe continúa vixente o programa político do 23-F. O amplo consenso que existiu e segue existindo entre as forzas políticas de quenda alimentou unha involución democrática aínda en curso. Até cando?

Comentarios